A Deputación apoia proxectos de inserción laboral e educativos de Cáritas na Coruña

ACoruñaXa
Formoso destaca o impacto social das iniciativas da entidade e comprométese a colaborar en melloras estruturais da sede
Deputación Cáritas
19 Dec 2024

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou hoxe a sede de Cáritas na rúa Violetas da Coruña para coñecer os proxectos sociais que a entidade desenvolve co apoio da institución provincial. Durante a súa visita, Formoso resaltou o traballo fundamental que Cáritas leva a cabo no ámbito da inserción laboral e o apoio a menores en situación de vulnerabilidade social, destacando a importancia de garantir un futuro mellor para as persoas máis desfavorecidas.

A Deputación da Coruña colabora este ano co financiamento de dúas iniciativas clave para Cáritas, cun total de 30.700 euros. O proxecto Integra-TIC-Itinera é un programa dirixido ao desenvolvemento de itinerarios personalizados de inclusión sociolaboral, que ofrece formación e acompañamento a persoas que se atopan en situación de risco social. Este programa atendeu a 1.523 persoas ao longo deste ano, realizando máis de 4.000 intervencións, que inclúen orientación laboral, derivacións a ofertas de emprego, formacións e obradoiros de capacitación, especialmente en competencias dixitais, fundamentais para mellorar as posibilidades de inserción laboral.

Ademais, a Deputación tamén apoia o proxecto Espazo Agarimo, un espazo de atención psicoeducativa destinado a menores en situación de vulnerabilidade ou risco social. Este programa ofrece reforzo educativo e orientación académica, contribuíndo á redución do abandono escolar temperán, e desenvolve tamén programas de intervención familiar para romper o ciclo da pobreza en infancia e adolescencia.

Durante a visita, a directora de Cáritas na Coruña, Pilar Farjas, xunto co resto do equipo responsable, fixeron fincapé na necesidade de melloras estruturais na súa sede da rúa Violetas, que presenta problemas de filtracións de auga e deficiencias no illamento. Formoso comprometeuse a seguir traballando para que as administracións colaboren na solución destes problemas e melloren as condicións do edificio: “A Deputación vai estar aí. Temos que estar á altura das circunstancias para garantir que o centro de Cáritas sexa un espazo digno tanto para os usuarios como para os traballadores e voluntarios que realizan unha labor tan esencial”, afirmou o presidente provincial.

Cáritas tamén fixo un chamamento á colaboración de outras administracións para mellorar as infraestruturas e os recursos do centro, asegurando que a súa sede necesita importantes melloras para seguir ofrecendo os servizos sociais de calidade que caracterizan os seus programas. Formoso asegurou que se seguirá traballando na busca de solucións e comprometeuse a realizar unha nova visita ao centro cando as melloras sexan unha realidade.

⚙ Configurar cookies
0.045257091522217