A depuradora de Donín mellora o seu funcionamento tras un investimento de 14.600 euros

ACoruñaXa
O Concello de Paderne acometeu traballos de conservación e mantemento nunha instalación clave para o abastecemento de San Xulián de Vigo
PADERNE depuradora
18 Jun 2026

A depuradora de Donín conta xa con novas melloras tras as obras de conservación e mantemento acometidas polo Concello de Paderne. A actuación tivo un orzamento total de 14.611,49 euros e centrouse en optimizar o funcionamento dunha instalación relevante para o sistema de abastecemento de San Xulián de Vigo.

Os traballos permitiron renovar distintos elementos da infraestrutura co obxectivo de mellorar o seu rendemento e facilitar as futuras tarefas de mantemento. Entre as actuacións realizadas figura a substitución das antigas tapas de formigón por outras metálicas, máis prácticas e axeitadas para este tipo de instalacións.

Tamén se instalou un valado de acabado galvanizado en cor verde con postes de aceiro, reforzando a protección do recinto. Ademais, estendeuse un firme de formigón de 10 centímetros de espesor ao longo de todo o perímetro, unha mellora pensada para facilitar o acceso, a conservación da instalación e o cambio de pezas no repartidor.

A actuación busca garantir un mellor servizo nunha infraestrutura municipal vinculada a un recurso esencial como é a auga. Desde o Concello subliñan que este tipo de intervencións responden á necesidade de manter en bo estado as instalacións públicas e mellorar progresivamente os servizos básicos que recibe a veciñanza.

0.11967396736145