A democracia chega á mocidade galega a través do cómic, a música e o teatro polos 50 anos de liberdade

GaliciaXa | LugoXa | ACoruñaXa | OurenseXa
A Delegación do Goberno programará nos próximos dous meses obradoiros, relatos, regueifas, concertos, encontros interxeracionais e accións poéticas nas catro provincias
DELEGADO GOBERNO 50
30 Sep 2026

A Delegación do Goberno en Galicia e as Subdelegacións das catro provincias desenvolverán nos próximos dous meses un programa de actividades dirixido especialmente á mocidade con motivo da conmemoración dos 50 anos de España en Liberdade.

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, presentou este mércores na Coruña as iniciativas, que terán como fío condutor a cultura e distintas expresións artísticas próximas ás novas xeracións. O programa inclúe propostas relacionadas co cómic, a música urbana, a regueifa, a poesía, o teatro, a literatura e a creación audiovisual.

Segundo explicou Blanco, o obxectivo é achegar á mocidade o coñecemento sobre a ditadura e a transición democrática, así como xerar espazos de diálogo e reflexión sobre os dereitos e liberdades desenvolvidos durante estas décadas.

Un cómic sobre dez dereitos e cambios sociais

Entre as principais iniciativas atópase o proxecto 'España en Liberdade: 50 anos, 10 historias', coordinado polo debuxante e creador coruñés Manel Cráneo.

A proposta dará lugar a un cómic colectivo no que dez ilustradores reflexionarán sobre diferentes dereitos e transformacións sociais asociadas á chegada da democracia. Entre os temas abordados estarán o dereito ao voto, a liberdade de expresión, os dereitos das mulleres, o aborto, a liberdade sexual, os dereitos laborais, a sanidade pública e a oficialidade do galego.

O proxecto completarase con catro obradoiros de creación de fanzines, un en cada provincia galega, nos que participarán mozos e mozas xunto con un dos ilustradores que forman parte da publicación.

Relatos, teatro, regueifas e música urbana

O programa tamén contempla un certame literario denominado 'Relatos da Liberdade', orientado a fomentar a creación literaria nos centros educativos arredor da democracia e as liberdades.

A programación incluirá ademais un ciclo de teatro coa obra 'Melón Pelado', de Butaca Zero, unha festa de música urbana en Santiago e un ciclo de regueifas en centros educativos de Lugo coa participación da regueifeira Alba María.

En Lugo tamén está prevista unha acción poética na rúa con Olga Novo e Olalla Cociña.

No ámbito da sensibilización e a formación organizaranse accións nas redes sociais e conferencias en Lugo e Ourense sobre a situación das mulleres durante o franquismo e a Lei de Memoria Democrática.

Un encontro sobre memoria e diversidade

A Coruña acollerá tamén parte do 'Arquivo de Memorias Afectivas' da Fundación 26 de Decembro, acompañado dun encontro interxeracional con persoas do colectivo LGTBI.

A Delegación do Goberno anunciou igualmente a colocación de carteis en edificios públicos dentro da campaña 'A Democracia é túa', mentres que a propia fachada da Delegación xa conta cunha pancarta vinculada á conmemoración.

O programa completarase cos actos institucionais do Día da Constitución nas catro provincias, nos que se dará lectura a algúns dos relatos participantes no certame literario.

A conmemoración dos '50 anos de España en Liberdade' foi acordada polo Goberno en 2025 ao cumprirse medio século do final da ditadura e do inicio do proceso de transición democrática. En Galicia, a Delegación sinala que a programación deste ano dá continuidade ás actividades desenvolvidas anteriormente, entre elas diálogos con investigadores e creadores, congresos e iniciativas relacionadas coa memoria democrática.

0.12208390235901