A delegada da Xunta na Coruña realiza unha visita institucional ao Concello de Oza-Cesuras
A delegada da Xunta, Belén do Campo, realizou esta mañá unha visita institucional ao Concello de Oza-Cesuras para reunirse co seu alcalde, Pablo González, e repasar os proxectos que ten actualmente en marcha a Xunta neste municipio.
A representante do Goberno autonómico lembrou que no 2023 a Xunta investiu máis de 700.000 euros de euros en Oza-Cesuras a través de distintas liñas de axudas e realizou importantes obras como a substitución das fiestras do CEIP de Oza dos Ríos, a cubrición da pista de padel en O Loureiro ou a mellora da estrada de que vai desde Castro de Ares ata a estrada AC-230.
A delegada da Xunta tamén lembrou que este ano a Xunta realizará outro investimento importante este municipio, como son os 1,2 millóns de euros para a construción dunha senda e pasarela baixo a vía do tren na estrada AC-840 para salvar un punto negro á altura do punto quilométrico 8, en pleno casco urbano. Unha obra moi demandada pola veciñanza e que suporá unha gran mellora na mobilidade e seguridade desta vía que nestes momentos está adxudicada e pendente da autorización do ADIF.
Ademais, a Xunta tamén concedeu dúas axudas por máis de 200.000 euros que lle permitirán ao concello, ao longo do 2024, mellorar o actual punto limpo municipal, localizado na parroquia de Salto, e adquirir un camión guindastre cunha caixa preparada para achegar a recollida de residuos especiais como aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE), pilas e baterías ou lámpadas fluorescentes, aos diferentes puntos do concello.
Os dous representantes públicos coincidiron na necesidade de seguir reforzando os vínculos locais para contribuír ao desenvolvemento sustentable dos municipios galegos. A visita da delegada a Oza-Cesuras enmárcase no obxectivo de entender as necesidades locais mediante o contacto directo cos habitantes e gobernantes locais, buscando sempre manter un diálogo aberto e efectivo.
Do mesmo xeito, Belén do Campo e Pablo González analizaron as necesidades do concello e comprobaron o resultado de distintas actuacións enmarcadas no ámbito de colaboración da Xunta cos concellos.