A delegada da Xunta na Coruña destaca a importancia de potenciar as prazas de abastos como "mercados excelentes"

ACoruñaXa
O obxectivo da convocatoria, dotada con preto de 1,3 millóns de euros, é fomentar unha rede de mercados galegos con selo de excelencia
Imaxe da visita de delegada da Xunta ao mercado de Elviña
10 Ago 2024

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou onte, venres 9, o mercado de Elviña para anunciar a nova orde de axudas destinada a potenciar os Mercados Excelentes. Con un orzamento de 1.280.000 euros, a convocatoria ten como obxectivo revitalizar as prazas de abastos e mercados, transformándoas en Mercados Excelentes. Esta iniciativa forma parte do compromiso da Xunta coa revitalización destes espazos comerciais como elementos clave no territorio e como xeradores de riqueza e emprego. O prazo para solicitar estas axudas remata o 19 de agosto.

Os apoios están dispoñibles para concellos, asociacións e federacións de prazas de abastos e mercados, e outórganse segundo o cumprimento de estándares que a Xunta está a redefinir en colaboración co sector para adaptarse ás novas realidades e potencialidades destes espazos.

Belén do Campo explicou que estas axudas buscan “fomentar a mellora das instalacións, atender as necesidades dos comerciantes e clientes, aproveitar a situación estratéxica dos mercados e potenciar estes espazos como escaparates do produto galego agroalimentario de calidade, así como impulsar a dinamización comercial e turística”.

Tamén se pretende vincular as prazas de abastos a valores como a sustentabilidade, a protección ambiental, o trato personalizado e o compromiso social. Ademais, buscarase mellorar a accesibilidade, modernización e dixitalización destes espazos, así como incrementar os servizos que prestan e favorecer a coordinación cos centros comerciais abertos.

Detalles da convocatoria

Dentro das axudas para concellos, estableceranse achegas tanto para os que xa posúan o selo de Mercado Excelente como para os que queiran obtelo. Os municipios que xa teñan este recoñecemento poderán recibir axudas para manter e mellorar este estándar, así como desenvolver campañas de dinamización comercial cun investimento máximo de 10.000 euros e para o deseño da imaxe corporativa do mercado. As prazas de abastos que non conteñan aínda co selo poderán financiar accións de mentoring, formación dos praceiros, consultoría especializada, diagnose da situación e elaboración da documentación necesaria para obter o selo.

As axudas tamén inclúen liñas de achegas para a adquisición de equipamento e eficiencia enerxética. Para asociacións e federacións de prazas de abastos e mercados, financiaranse actuacións de dinamización e revitalización, así como proxectos de incentivación da demanda e mantemento dos marketplace.

Un decidido apoio ao comercio

Esta convocatoria, que o ano pasado beneficiou a 33 entidades con máis de 1,1 millóns de euros, é parte do compromiso da Xunta co reforzo do tecido comercial galego. Este ano, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración tamén convocou outras ordes de axudas, como os 2,25 millóns de euros para a innovación e dinamización dos centros comerciais abertos. Todo isto está integrado no Plan Estratéxico do Comercio Galego, que se está a elaborar conxuntamente cos axentes do sector e que aborda aspectos de transformación dixital, innovación e modernización do comercio e da artesanía.

0.098710060119629