A delegada da Xunta na Coruña avalía cos xefes territoriais o balance de actividade do 2024 e os retos para o 2025
A delegada territorial da Xunta de Galicia, Belén do Campo, presidiu onte a Comisión Territorial de Coordinación da Delegación, na que participaron os directores territoriais das distintas consellerías. Durante o encontro, do Campo fixo balance da actividade desenvolvida no 2024 e avanzou os principais retos para o ano 2025.
A delegada salientou que os orzamentos da Xunta para o 2025, que entraron en vigor o pasado 1 de xaneiro, ascenden a 13.954 millóns de euros, dos cales un 74% (10.227 millóns) destínanse ao coidado das persoas a través da sanidade, a educación, as políticas sociais e o emprego. Isto supón un incremento de preto de 500 millóns de euros con respecto ao ano anterior, reafirmando a prioridade do Goberno galego no reforzo do gasto social.
Belén do Campo destacou a importancia de garantir que as liñas de axudas abertas con anticipado de gasto cheguen de forma áxil aos beneficiarios, permitindo un maior aproveitamento dos recursos dispoñibles.
Balance do 2024
A representante autonómica destacou que, nos últimos oito meses, visitou case a totalidade dos 73 municipios da provincia, participando en máis de 400 actos relacionados con diferentes ámbitos de actuación das consellerías. Entre estes destacan visitas a casas niño e do maior, explotacións agrícolas e gandeiras, empresas, centros hospitalarios, e proxectos de infraestrutura en sendas e estradas.
Ademais, puxo en valor as actuacións realizadas en espazos protexidos e obras de mellora ambiental, así como o apoio ao patrimonio cultural e os eventos culturais da provincia. No ámbito do turismo, visitou establecementos beneficiados polas axudas para mellorar a competitividade do sector.
No plano mediático, Belén do Campo participou en máis de 60 entrevistas en medios escritos e radiofónicos, ademais de manter unha presenza diaria en actos e roldas de prensa.
Novo Plan para a Dependencia
Durante a reunión, a delegada destacou a posta en marcha dun novo Plan de axilización e simplificación dos trámites de dependencia e discapacidade, dotado con 90 millóns de euros. Este plan busca reducir os tempos de espera a menos de seis meses e facilitar o proceso mediante a presentación dunha única solicitude que inclúa toda a información necesaria.
Entre as novidades, incluirase un asistente virtual para guiar na presentación de solicitudes electrónicas e un reforzo no asesoramento dos traballadores sociais municipais. O plan estrutúrase en sete eixos principais: reducir a burocracia, mellorar a xestión das citas e trámites, reforzar os servizos sociais, e establecer un protocolo de colaboración entre Política Social e o Sergas.
Belén do Campo subliñou que estas iniciativas buscan mellorar a atención á cidadanía e facer máis accesibles os recursos sociais dispoñibles.