A delegación do Goberno celebra o Día da Muller

ACoruñaXa
A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, subliñou durante o acto celebrado este venres pola mañá a importancia de seguir traballando pola igualdade desde políticas sociais como as do Goberno
A Delegación do Goberno na Coruña reivindica con textos feministas o seu total compromiso coa igualdade na sociedade
8 Mar 2024

A Delegación do Goberno na Coruña conmemorou neste 8 de Marzo o Día Internacional da Muller lendo doce textos feministas e marcando, a través deles, o seu total compromiso coa igualdade na sociedade.

No acto interviron  o delegado do Goberno, Pedro Blanco; a alcaldesa da Coruña, Inés Rey; a subdelegada na Coruña, María Rivas, e a deputada no Congreso, Obdulia Taboadela, ademais de outras nove mulleres referentes de ámbitos como a administración, as organizacións sociais ou o xornalismo

A subdelegada do Goberno na Coruña foi a encargada de abrir a conmemoración, cunhas palabras nas que destacou a importancia de seguir traballando pola igualdade: "Hoxe traemos ao noso recordo a todas as mulleres que coa sua loita e co seu compromiso, contribuiron a facer este camiño. Pero hoxe tamén manifestamos públicamente que estamos aquí, que somos iguais, temos os mesmos dereitos e queremos as mesmas oportunidades, os mesmos salarios, os mesmos espazos públicos e a mesma presenza nos consellos de administración ou en calquera órgano directivo", subliñou María Rivas.

Rivas tamén quixo poñer de relevancia as políticas sociais do Goberno de Pedro Sánchez en prol da igualdade: "O Goberno de España é un goberno comprometido e que sitúa ao feminismo e á igualdade no centro de toda a súa acción política. E por iso hoxe estamos aquí, na Delegación do Goberno de España en Galicia, porque apostar pola igualdade é avanzar como sociedade".

O acto continuou coa lectura de doce textos feministas. O delegado do Goberno foi o primeiro en tomar a palabra, lendo un fragmento de Como educar no feminismo de Chimamanda Ngozi Adichie. A seguinte foi a alcaldesa da Coruña, que fixo o propio cun poema do libro Ruído, de Luisa Villalta. Obdulia Taboadela escolleu un fragmento de Vindicación de los derechos de la mujer, de Mary Wollstonecraft.

Sequíronlles Eva Vázquez, Vicesecretaria xeral da Delegación do Goberno; Obdulia Taboadela, deputada no Congreso; Manuela Vilaboy, Xefa da Unidade de Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno na Coruña; Cristina Oliveira, directora da Área de Sanidade e Política Social da Delegación do Goberno; Delia Irene Martínez, secretaria Xeral da Federación de empregadas e empregados dos Servizos Públicos de UGT Galicia; Ana Quintairos, directora da Área de Fomento da Delegación do Goberno; María Luisa Varela, presidenta da Federación de Asociacións de Veciños da Coruña; Doda Vázquez, presidenta da Asociación da Prensa da Coruña; Ana Tubío, directora da Área de Agricultura e Pesca da Delegación do Goberno en Galicia e pechou a lectura María Debén, xefa da Unidade de Coordinación contra a Violencia sobre a Muller da Delegación do Goberno.

Con actos como este a Delegación do Goberno en Galicia segue a apostar por unha axenda de marcado acento feminista que está presente durante todo o ano, mantendo os seus eixos centrais do 8 de Marzo e do 25 de Novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.

0.18774604797363