A defensa do Monte Xalo reúne máis de 40 persoas nun roteiro reivindicativo

ACoruñaXa
ADEGA, o Colectivo das Pedras Galladas e a comunidade de montes de Celas alertan do impacto da central reversible de Meirama sobre espazos de valor ambiental e patrimonial
CULLEREDO monte xalo
Imaxe de ADEGA
15 May 2026

Máis de 40 persoas participaron na pasada fin de semana nun roteiro reivindicativo polo Monte Xalo para reclamar a protección deste enclave fronte aos proxectos industriais que, segundo denuncian as entidades organizadoras, ameazan a súa biodiversidade e o seu patrimonio. A xornada foi impulsada por ADEGA, o Colectivo das Pedras Galladas e a asociación de montes veciñais en man común de Celas.

Durante o percorrido, as persoas asistentes achegáronse a diferentes puntos de interese arqueolóxico e ambiental, entre eles a Pedra Mazafacha, o Altariño do Anllóns, o Barboto da Vella, as fontes do Anllóns e as brañas de Torreiro. As entidades convocantes aproveitaron a visita para poñer en valor a riqueza natural e cultural do Xalo e para advertir do risco que, ao seu xuízo, suporía a construción da central hidroeléctrica reversible de Meirama.

O proxecto promovido por Coventina Renovables prevé un aproveitamento hidroeléctrico reversible entre o lago de As Encrobas, que funcionaría como depósito inferior, e unha balsa superior de nova construción, conectados mediante un circuíto hidráulico subterráneo e cunha central en caverna. A documentación publicada no BOE recolle unha potencia de 440 megawatts para esta infraestrutura.

As organizacións ecoloxistas e veciñais sosteñen que a actuación comprometería espazos de gran valor ambiental e patrimonial no Monte Xalo. Por iso, a ruta tivo tamén un carácter divulgativo, co obxectivo de explicar sobre o terreo a relevancia dos lugares afectados e mobilizar a veciñanza na súa defensa.

Tras o roteiro, a xornada continuou cun acto informativo na Reitoral de Celas, onde se ofreceron detalles sobre o proxecto e as súas posibles consecuencias. As entidades participantes agradeceron a presenza das persoas asistentes e insistiron na necesidade de manter a presión social para garantir a protección do monte.

A mobilización forma parte dunha campaña máis ampla en defensa do Xalo, un espazo que os colectivos presentan como un referente natural, cultural e social da comarca e cuxa conservación consideran incompatible coa implantación de novas infraestruturas industriais de grande impacto.

0.12336182594299