A defensa da Atención Primaria sairá á rúa este luns diante do centro de saúde de San Xosé

A Coruña acollerá este luns 13 de abril unha concentración en defensa da Atención Primaria convocada por SOS Sanidade Pública diante do centro de saúde de San Xosé. A protesta comezará ás 11.00 horas e enmárcase nunha mobilización de alcance galego promovida con motivo do Día Internacional da Atención Primaria, que se conmemora o 12 de abril pero que neste caso se traslada ao luns para facilitar tamén a presenza do persoal sanitario.
A convocatoria coruñesa forma parte dunha xornada reivindicativa que se desenvolverá en distintos puntos do país. Nas cidades máis grandes, SOS Sanidade Pública optou por concentrar as protestas nos centros de saúde de maior referencia, mentres que no resto de Galicia haberá chamamentos diante doutros ambulatorios. A plataforma enmarca esta nova mobilización na defensa dun modelo de Atención Primaria accesible, comunitario, integral e de calidade.
Segundo trasladou a propia plataforma, o obxectivo é reclamar máis recursos para este nivel asistencial, mellorar a accesibilidade e a continuidade da atención, reducir a carga burocrática e reforzar o papel da saúde comunitaria. Entre as súas demandas tamén figura elevar o financiamento da Atención Primaria ata o 25 por cento do orzamento sanitario e impulsar unha maior participación da cidadanía a través de órganos como os consellos de saúde.
A mobilización chega ademais nun momento de novo foco político sobre o primeiro chanzo asistencial. Esta mesma semana, a Xunta anunciou que neste semestre proporá unha reforma integral da Atención Primaria para adaptala ao cambio demográfico e ás limitacións de persoal. O plan avanzando polo Goberno galego inclúe a creación dunha Dirección Xeral de Atención Primaria, unha unidade para centralizar tarefas administrativas e un novo modelo de xestión das axendas co obxectivo de descargar de burocracia aos profesionais e limitar a 30 os pacientes por xornada ordinaria.
Desde o Sergas tamén se subliña que esa reforma está a negociarse con seis organizacións sindicais, nun contexto marcado nas últimas semanas pola tensión no ámbito sanitario galego. Fronte a ese escenario, SOS Sanidade Pública insiste en que a Atención Primaria segue a ser a porta de entrada ao sistema e un servizo esencial para garantir unha asistencia próxima á veciñanza. Nesa mesma liña, a Organización Mundial da Saúde considera que a Atención Primaria é a vía máis inclusiva, equitativa e rendible para avanzar cara á cobertura sanitaria universal e reforzar a resiliencia dos sistemas públicos de saúde.