A décima edición do Fanzine Fest converterá A Coruña no epicentro da música electrónica
O Fanzine Fest está preparado para celebrar o seu décimo aniversario cunha programación especial que levará a vangarda da música electrónica a A Coruña entre o 2 e o 7 de decembro. Este evento, organizado con apoio do Concello da Coruña e Son Estrela Galicia, contará con artistas de renome internacional, nacional e local, así como actividades formativas e espectáculos audiovisuais que ofrecerán unha experiencia única para todos os públicos. As entradas están dispoñibles na súa páxina web oficial.
O festival comezará o luns 2 de decembro no Planetario da Casa das Ciencias coa actuación en directo dos galegos Synth Alien e Baldo, que presentarán un espectáculo creado especialmente para a ocasión. O martes 3 trasladarase á Domus para a proxección de videoclips e creacións audiovisuais de artistas como Félix Fernández, Inma Veiga ou Wences Lamas na nova edición de FPS-BPM, comisariada por Juan Lesta e María Núñez.
O mércores 4 a Domus será escenario dos concertos de Okkre, que presentará Noisea, e de Death Whistle, quen trae Alter, unha proposta que explora paisaxes sonoras luminosas e escuras.
Do xoves 5 ao sábado 7, a Fundación Luís Seoane converterase na sede oficial do festival coa colaboración de Son Estrela Galicia. A programación incluirá tanto actuacións musicais como actividades didácticas, destacando artistas como Judy, Umwelt, Ben Pest e Fake Robotique. Durante estas xornadas, tamén se realizarán talleres para nenos e adultos, como Pequenos Beatmakers e introducións a ferramentas como Ableton Live e Touch Designer.
O broche final será o sábado 7 na sala O Túnel, coa presenza de figuras destacadas como Convextion, Headless Horseman e Tasha. O evento combina música, performance e visuais a cargo de artistas como Baldo e The Panic Room.