A danza contemporánea toma Oleiros coa mostra aberta de 'Phantom' no Festival Rúa Ext-Cénica

O Festival Rúa Ext-Cénica de Oleiros ofrecerá este domingo, 19 de xullo, unha nova cita coa danza contemporánea da man do bailarín canario Darío Bardam, que presentará a mostra aberta de Phantom, o proxecto no que traballou durante as últimas semanas no espazo A Fábrica.
A actuación terá lugar ás 20.00 horas no Parque de Luis Seoane, en Santa Cruz, con acceso libre. A proposta forma parte das Residencias Paraíso 2026, o programa impulsado polo Colectivo RPM para apoiar a creación en danza e artes vivas, no que A Fábrica participa por primeira vez coincidindo co décimo aniversario da iniciativa.
Phantom explora a relación entre a figura do fantasma e as políticas de desidentificación, a través dunha investigación arredor dunha danza que vai máis alá do corpo que a interpreta. O espectáculo combina diferentes ritmos, melodías, xogos de luces e sombras para construír unha experiencia escénica na que o pracer de bailar ocupa un lugar central.
Tras finalizar a súa residencia artística en Oleiros, Darío Bardam compartirá co público este traballo en proceso antes da estrea oficial de Phantom, prevista para outubro en Tenerife.
As Residencias Paraíso están promovidas polo Colectivo RPM e contan co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, ademais da colaboración de diferentes administracións e entidades culturais, entre elas o Concello de Oleiros.