A danza chega á Casa da Cultura de Sada cunha proposta que une movemento e poesía

A Casa da Cultura ‘Pintor Lloréns’ acollerá este martes 28 de abril, ás 12.30 horas, unha das paradas do ciclo organizado pola Área de Cultura da Deputación da Coruña para celebrar o Día Internacional da Danza.
Baixo o título ‘Facermos do corpo un poema’, a iniciativa busca achegar esta disciplina artística á cidadanía a través dunha programación aberta ao público que combina a expresión corporal coa palabra. A proposta inclúe espectáculos de danza e unha charla coloquio final a cargo da escritora María Lado.
O programa percorre tres concellos da provincia entre o 27 e o 29 de abril, coincidindo coa conmemoración do Día Internacional da Danza, que se celebra cada ano o 29 de abril desde 1982. Tras o seu inicio no Porto do Son, a actividade chegará a Sada e rematará en Arzúa.
Con esta programación, a Deputación da Coruña quere poñer en valor a danza como unha linguaxe artística capaz de emocionar, comunicar e crear novos espazos de encontro coa cultura.