A cultura e a saúde unirán forzas na provincia da Coruña para explorar novas vías de benestar e acción social

A cultura pode converterse nunha ferramenta para favorecer a participación, a inclusión e o benestar das persoas. Con esta idea, a Deputación da Coruña organizará os días 3 e 17 de outubro dúas xornadas profesionais no Pazo Provincial destinadas a poñer en contacto o sector cultural con profesionais da acción social, a educación, a saúde e os coidados.
Os encontros buscarán analizar que posibilidades existen para crear colaboracións entre estes ámbitos e compartir experiencias que xa se están desenvolvendo noutros territorios. A programación combinará intervencións profesionais, espazos de diálogo e traballo en grupos reducidos para abordar as dificultades e oportunidades que aparecen cando diferentes sectores traballan coas mesmas persoas e comunidades.
A primeira xornada, o 3 de outubro, estará dedicada á relación entre cultura e acción social. O encontro prestará especial atención á participación, a inclusión e os procesos de creación compartida con infancia, adolescencia, mocidade e persoas maiores, especialmente cando se atopan en situacións de vulnerabilidade.
Nesta sesión participarán Maria Vlachou, cofundadora e directora executiva de Acesso Cultura en Portugal, e Eva García, especialista en creación artística comunitaria e mediación con perspectiva de dereitos. Ambas achegarán experiencias vinculadas á participación cultural e ao traballo creativo coas comunidades.
A segunda cita terá lugar o 17 de outubro e centrará o debate na relación entre cultura, saúde e coidados. Entre os asuntos que se abordarán estará a prescrición cultural e as posibilidades de colaboración entre institucións culturais, universidades, profesionais sanitarios e entidades sociais.
Neste caso intervirán Fátima Vieira, profesora catedrática da Universidade do Porto e unha das impulsoras do Consórcio de Prescrição Cultural da Rexión Norte de Portugal, e Marta Font Cifré, directora de Gertu Kultura e directora estratéxica de K6 Gestión Kultural, que presentará experiencias desenvolvidas no País Vasco en colaboración co ámbito sanitario.
As xornadas tamén incorporarán experiencias procedentes de Portugal, Cataluña e Euskadi para poñelas en relación co contexto galego. A intención, segundo a organización, non é trasladar directamente modelos doutras comunidades ou países, senón coñecer diferentes percorridos e aprendizaxes e analizar que posibilidades poden aplicarse desde a realidade máis próxima.
A iniciativa está vinculada ademais ao Premio de Proxectos Culturais Singulares para a Mellora Social da Deputación da Coruña, que busca apoiar propostas culturais relacionadas coa inclusión, a cohesión social e a vida comunitaria.
As dúas xornadas desenvolveranse de 10.00 a 18.00 horas, con recepción desde as 9.30 horas, na Sala Juanjo Gallo da Deputación da Coruña. A participación é gratuíta, aínda que as prazas son limitadas. As inscricións están abertas a través da páxina web do proxecto.