A cultura comunitaria da provincia queda recollida nun novo mapa da Deputación de A Coruña

A Deputación da Coruña presentou este mércores o libro 'Cultura coas persoas no centro', unha publicación impulsada pola Área de Cultura que reúne e analiza iniciativas culturais da provincia con impacto social e comunitario. O volume continúa a liña de traballo 'A cultura é un dereito' e busca visibilizar proxectos que, desde diferentes territorios e disciplinas, entenden a cultura como unha ferramenta de transformación, participación e benestar colectivo.
A presentación contou coa participación da deputada de Cultura, Natividade González, e dos responsables da obra, Alberto de Boiro, coordinador do volume, e Sergio Lago, editor de contidos. A publicación nace dunha investigación desenvolvida entre 2024 e 2025 para localizar experiencias culturais que poñen ás persoas no centro e que contribúen á construción de comunidade.
Durante o acto, González definiu o libro como unha cartografía dese tecido cultural que non sempre ocupa grandes espazos públicos, pero que sostén unha parte importante da vida social da provincia. A deputada destacou que a obra permite coñecer proxectos baseados na cooperación, nos espazos compartidos e no compromiso colectivo.
A responsable provincial de Cultura tamén subliñou o valor esperanzador da publicación, ao considerar que as experiencias recollidas amosan que existe outra forma de facer política cultural, máis próxima, democrática e útil para a vida diaria da cidadanía. Na súa intervención, agradeceu o traballo dos autores e salientou que detrás do libro hai reflexión, pero tamén moita escoita ao territorio e ás persoas que impulsan estas iniciativas.
'Cultura coas persoas no centro' é o terceiro volume editado pola Deputación arredor do eixo 'A cultura é un dereito'. A liña comezou en 2023 coa publicación 'A cultura é un dereito. Unha visión social da cultura' e continuou este ano con 'Manual para políticas culturais locais'. Con esta nova obra, a institución provincial reforza unha estratexia centrada nos dereitos culturais e no papel das administracións á hora de garantir o acceso, a participación e a diversidade cultural.
O coordinador do libro, Alberto de Boiro, lembrou que a Deputación leva seis anos traballando na defensa dos dereitos culturais e puxo en valor que unha administración provincial asumise este enfoque desde Galicia. Segundo indicou, a institución situouse nunha posición avanzada ao incorporar este debate á súa acción cultural e ao xerar materiais que poden servir de guía para concellos, entidades e profesionais.
Pola súa banda, Sergio Lago explicou que a publicación pretende achegarse ao impacto social da cultura desde diferentes capas. O libro non só identifica iniciativas xa existentes, senón que tamén ofrece unha lectura práctica para quen queira afondar na relación entre cultura, benestar, participación e comunidade.
O volume aborda cuestións como os dereitos culturais, o valor social da cultura, a creación de redes comunitarias e o papel das políticas públicas na mellora da vida colectiva. A Deputación entende que esta publicación pode servir como ferramenta de análise, consulta e inspiración para seguir impulsando proxectos culturais máis arraigados no territorio e máis próximos ás necesidades da cidadanía.