A cullerdense Isa Rodríguez proclámase campioa de Europa de rugby M18 coas Leonas 7s

O Concello de Culleredo felicita publicamente a Isa Rodríguez, veciña do municipio, polo seu recente éxito deportivo tras proclamarse campioa de Europa co equipo español feminino de rugby, Leonas 7s M18.
Con tan só 17 anos, Isa leva dende 2021 entregada ao rugby, deporte que comezou a practicar no CRAT A Coruña e que rapidamente se converteu nunha das súas grandes paixóns. O esforzo diario nos adestramentos e o traballo conxunto cos adestradores e adestradoras do seu club e da Federación déronlle a oportunidade de formar parte da selección nacional e disputar o Campionato Europeo M18, no que acadaron a vitoria.
A traxectoria de Isa estivo marcada tamén polo apoio da súa familia, moi vencellada ao rugby, así como polo exemplo de mulleres referentes neste deporte como Vanesa Rial, actual adestradora da selección galega feminina, e Mariana Romero, a súa primeira adestradora no CRAT.
Isa Rodríguez envía unha mensaxe de ánimo a todas as rapazas que se están iniciando no rugby: “Adestrade, divertídevos e formade equipo, porque no rugby o equipo éo todo”.
Dende o Concello destacan con orgullo o logro desta moza cullerdense e valoran o seu papel como exemplo de superación e traballo en equipo para as novas xeracións.