A cullerdense Alicia Chamorro representará a España no Mundial Júnior de Kickboxing

ACoruñaXa
A deportista de Vilaboa competirá en setembro en Italia tras ser convocada pola Federación Española para a máxima cita internacional da categoría
CULLEREDO alicia chamorro
19 Jul 2026

📄 Versión en Galego
O Concello de Culleredo felicita á moza Alicia Chamorro pola súa convocatoria coa selección española para o mundial júnior de kickboxing

A moza de Vilaboa, Alicia Chamorro, de 18 anos de idade, sumou un novo e importante fito na súa prometedora carreira deportiva. A loitadora cullerdense acaba de ser seleccionada de forma oficial por España para competir no vindeiro Campionato do Mundo Júnior de Kickboxing, unha prestixiosa cita internacional que se disputará do 18 ao 27 de setembro na localidade de Jesolo, en Italia.

A Federación Española de Kickboxing e Muay Thai fixo pública a convocatoria para este evento mundialista. Como paso previo á competición, Chamorro e o resto de deportistas seleccionados participarán a vindeira semana, do 23 ao 26 de xullo, nunha concentración preparatoria que terá lugar nas instalacións do Centro de Alto Rendemento de Sierra Nevada.

A deportista de Culleredo, que actualmente forma parte do club Mamba Fight Club de Ponferrada, competirá na modalidade de tatami. Cabe destacar que Alicia Chamorro xa se alzou no seu día co título de campioa do mundo de muay thai na súa categoría, e agora, en idade júnior, afronta con ilusión a honra de volver a representar a España no máximo nivel.

Ante este novo éxito, a primeira tenente de alcalde e concelleira de Educación e Deportes de Culleredo, Cristina Pardo, quixo felicitar publicamente á moza en nome de todo o Concello. A responsable municipal destacou o orgullo que supón este novo paso na súa gran traxectoria deportiva, asegurando que se trata dun logro alcanzado 'a base de esforzo e dedicación'.

0.14666295051575