A creatividade florece en Arteixo cunha nova edición do taller de cúpulas florais

As persoas afeccionadas á ecoartesanía volverán ter unha oportunidade para iniciarse na arte floral en Arteixo coa segunda edición do Taller de Cúpulas Florais, unha proposta que combina creatividade, deseño e elaboración artesanal.
A actividade terá lugar o sábado 8 de agosto, de 10.00 a 14.00 horas, no Parque Municipal de Monticaño, na Pastoriza, e estará dirixida a persoas sen experiencia previa interesadas en aprender as técnicas básicas da composición floral con flores preservadas e secas.
Da man da formadora Paula Roibal, os participantes coñecerán os diferentes materiais empregados neste tipo de creacións, aprenderán a seleccionar e combinar flores e cores, e elaborarán paso a paso unha cúpula de cristal decorativa. Ao remate do obradoiro, cada asistente poderá levar consigo a peza realizada.
O curso conta con 15 prazas, que se asignarán por orde de inscrición, con prioridade para as persoas empadroadas en Arteixo e para os clientes de Sumarte e BiciArteixo. As persoas que queden en lista de espera serán convocadas para unha próxima edición.
O prezo da actividade é de 25 euros para persoas empadroadas en Arteixo e usuarios de Sumarte e BiciArteixo, mentres que a tarifa xeral ascende a 35 euros.