A creatividade escolar terá premio no segundo Certame de Relato Curto de Miño

ACoruñaXa
A ANPA Castro Baxoi e o Concello abren ata o 11 de maio o prazo para entregar textos en galego, con premios para alumnado de Primaria e ESO
escribir_narracion
5 May 2026

A ANPA Castro Baxoi e o Concello de Miño impulsan a segunda edición do Certame de Relato Curto, unha iniciativa dirixida ao alumnado do CPI Castro Baxoi coa que se busca fomentar a escrita en galego e estimular a creatividade entre a rapazada.

Os relatos deberán estar escritos en galego, ter temática libre e presentarse manuscritos, co nome do alumno ou alumna e o curso correspondente. O prazo de entrega permanecerá aberto ata o 11 de maio na secretaría do CPI.

O certame establece dúas categorías. Na de Primaria, para alumnado de 4º, 5º e 6º, a extensión máxima será de 300 palabras. Na categoría de ESO, dirixida a estudantes de 1º, 2º, 3º e 4º, os textos poderán ter ata 800 palabras.

Haberá tres premios en cada categoría. En Primaria, o primeiro posto recibirá un libro electrónico, o segundo auriculares e un lote de libros, e o terceiro un lote de libros. Na ESO, o primeiro premio será unha tablet, o segundo auriculares e un lote de libros, e o terceiro un lote de libros. Ademais, todas as persoas participantes recibirán un pequeno agasallo.

A entrega de premios celebrarase o 17 de maio, coincidindo co Día das Letras Galegas, no Auditorio da Rúa. A iniciativa conta coa colaboración da Deputación da Coruña e do CPI Castro Baxoi.

0.13316798210144