A creatividade de A Escada enche de cor a súa primeira Mostra de Arte

O alumnado do centro ocupacional municipal A Escada viviu unha xornada especialmente emotiva coa inauguración da súa primeira Mostra de Arte, unha exposición que recolle o traballo desenvolvido nos últimos meses no obradoiro artístico do centro.
A mostra enche de cor as paredes da dependencia municipal con creacións inspiradas en estilos de pintores recoñecidos. A exposición incorpora tamén frases célebres, como unha reflexión de Kandinsky que resume o espírito da iniciativa: 'É fermoso o que sae da alma'.
O alcalde, José Ramón Rioboo, asistiu á inauguración acompañado pola concelleira de Cohesión Social, Marta Figueroa, e polas familias do alumnado, que non quixeron perderse a presentación das obras.
Rioboo felicitou aos participantes polo resultado e destacou que se trata dun traballo 'magnífico, repleto de luz', no que se aprecia a creatividade e o coidado posto en cada creación.
O centro ocupacional A Escada é un recurso municipal dirixido a persoas con diversidade funcional intelectual. Conta con 20 prazas e ten carácter formativo e prelaboral, con actividades orientadas a favorecer a autonomía persoal dos seus usuarios e usuarias.