A creatividade arredor do mar busca novas obras en Arteixo

O Concello de Arteixo mantén aberto ata o 19 de xuño o prazo de entrega de obras para o II Certame de Pintura e Debuxo 'Mar de Sorrizo', unha iniciativa pensada para fomentar a creación artística arredor da identidade mariñeira e natural deste espazo.
As persoas interesadas deberán presentar os seus traballos no Centro de Interpretación Mar de Sorrizo. O horario de entrega será de martes a venres, de 10.30 a 13.30 horas e de 16.00 a 19.00 horas, mentres que as fins de semana poderán achegarse as obras de 10.30 a 13.30 horas.
O certame establece premios para todas as idades e busca promover a participación da veciñanza a través da pintura e o debuxo. As bases completas poden consultarse na web do proxecto Mar de Sorrizo, un espazo que tamén centraliza información e reservas vinculadas ás actividades deste centro.
Para resolver dúbidas, a organización habilitou o teléfono 981 138 225 e o correo certamenmardesorrizo@gmail.com. A convocatoria está cofinanciada polo Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura, a Consellaría do Mar e o GALP Golfo Ártabro Sur.