A costa de Arteixo convértese nunha aula aberta con novas actividades mariñeiras en Sorrizo

O Centro Mar de Sorrizo de Arteixo continúa esta fin de semana, os días 20 e 21 de xuño, co seu programa de actividades mariñeiras, unha iniciativa centrada na educación ambiental, o coñecemento da costa e a conservación dos ecosistemas mariños.
A programación inclúe dúas propostas. O sábado celebrarase o 'Obradoiro de lixo mariño', de 16.30 a 19.00 horas, unha actividade práctica pensada para achegar ás persoas participantes á problemática dos residuos no mar, a súa orixe, a súa xestión e os cambios que se poden incorporar á vida diaria para reducir a pegada ambiental.
Ademais, a ruta 'Biodiversidade' contará con dúas sesións: o sábado ás 11.00 horas e o domingo ás 17.00 horas. O percorrido partirá da praia de Alba-Rañal e permitirá coñecer puntos destacados do litoral arteixán como o monumento ao Vixiador, as praias de Repibelo, A Salsa e Valcobo, o miradoiro xunto ao illote da Herbosa e o paseo fluvial do río Bolaños.
A andaina ten unha distancia de 5,10 quilómetros, dificultade baixa e unha duración aproximada dunha hora e media, polo que está pensada para persoas de diferentes idades que queiran descubrir mellor a contorna costeira do municipio.
O programa está promovido polo Concello de Arteixo e financiado polo GALP Golfo Ártabro Sur, a Consellería do Mar e os fondos FEMPA. As inscricións son de balde e deben formalizarse na páxina de Turismo do Concello ata 48 horas antes do inicio de cada actividade.