A Coruña10 estreará meta na praza de María Pita na súa vixésima edición

A Coruña10 celebrará o vindeiro 4 de outubro a súa vixésima edición cunha importante novidade no percorrido: por primeira vez na historia da proba, a meta estará situada na praza de María Pita. A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presentou este venres os primeiros detalles da carreira, que xa abriu o prazo de inscricións cunha oferta inicial de 3.000 prazas.
Segundo explicou a rexedora, a elección da praza de María Pita como punto de chegada responde ao carácter simbólico desta edición e á capacidade do espazo para acoller os servizos complementarios da carreira. O percorrido manterá a saída na avenida de Montoto e continuará polos Cantóns, Linares Rivas, avenida do Exército e a estrada do porto a Oza, cun tramo polo interior dos peiraos, antes de regresar pola rotonda da Casa do Mar, a praza de Ourense e os Cantóns ata finalizar na praza de María Pita.
Na presentación tamén participou o presidente da Comisión Xestora da Federación Galega de Atletismo, Iván Sanmartín, quen agradeceu a colaboración co Concello na organización da proba e destacou a proxección que está a acadar A Coruña no ámbito do atletismo. Ademais, lembrou que a cidade acollerá en 2027 o Campionato de España de Ruta, que incluirá as probas de milla, 5 quilómetros e media maratón.
A alcaldesa avanzou tamén que o próximo martes 28 de xullo darase a coñecer, a través das canles oficiais do Concello, o primeiro atleta de elite que participará nesta edición da Coruña10.
O prazo de inscrición abriu este 24 de xullo cos primeiros 3.000 dorsais. O Concello prevé habilitar unha lista de agarda e ampliar a oferta de prazas se a demanda así o require. O proceso desenvolverase en tres fases: un primeiro período con prezo reducido ata o 16 de agosto, un segundo prazo ordinario ata o 15 de setembro e un terceiro extraordinario os días 26 e 27 de setembro, sempre que aínda queden dorsais dispoñibles.
As inscricións incluirán bonificacións para persoas desempregadas, maiores de 65 anos e familias numerosas.
Durante a presentación tamén se puxo en valor a evolución da participación na carreira. Na edición de 2025 tomaron a saída 3.500 persoas, o mellor rexistro da última década. Entre elas, 725 foron mulleres, preto do 28 % do total, a porcentaxe feminina máis elevada desde a creación da proba.
Inés Rey destacou que este incremento responde ao traballo desenvolvido nos últimos anos para integrar o deporte nas políticas municipais de igualdade. “Nos últimos anos vimos traballando arreo para integrar as actividades deportivas nas políticas municipais en materia de igualdade, e, paso a paso, imos vendo progresos esperanzadores”, afirmou.
A alcaldesa lembrou tamén que na media maratón C21 celebrada este ano participaron máis de 300 mulleres, a cifra máis alta desde a creación da proba, e asegurou que o obxectivo é seguir aumentando a presenza feminina nas carreiras populares. Para contribuír a este propósito, a campaña promocional da Coruña10 contará coa colaboración da exatleta Solange Pereira, deportista con máis vitorias na historia da carreira dos dez quilómetros da cidade, con catro triunfos.
Outra das novidades desta edición será a colaboración entre o Consorcio de Turismo e Congresos e a Asociación Empresarial de Hospedaje da Coruña (Hospeco), que permitirá ofrecer descontos de entre o 8 % e o 25 % en once establecementos hoteleiros da cidade para as estadías entre os días 2 e 4 de outubro.
O presidente de Hospeco, Agustín Collazos, sinalou que esta iniciativa contribuirá tanto a dinamizar a cidade como a favorecer a ocupación hoteleira nun período de menor demanda.
Durante o acto presentouse tamén o cartel oficial da XX Coruña10, obra do comunicador gráfico coruñés Antón Lezcano. O autor explicou que o deseño busca sintetizar a identidade da carreira e da cidade a través do concepto da “pegada atlántica”.
Pola súa banda, Inés Rey destacou o carácter coruñés da imaxe desta edición e reivindicou o papel das carreiras populares como ferramentas para fomentar hábitos saudables e dinamizar a vida da cidade.