A Coruña terá voz en Bruxelas na defensa do BNG do dereito á vivenda en Galicia

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, anunciou esta semana a celebración dunhas xornadas de traballo no Parlamento Europeo os días 11 e 12 de xuño centradas na problemática da vivenda en Galicia. A iniciativa, que contará coa participación de representantes galegos e doutras rexións europeas, abordará cuestións como a escaseza de vivenda asequible, o encarecemento dos alugueiros e a proliferación das vivendas de uso turístico.
Miranda agradeceu o labor do grupo municipal do BNG na Coruña, co que se reuniu recentemente, destacando o seu compromiso para visibilizar “o principal problema dos galegos e galegas”. “Este é un tema prioritario para o BNG”, subliñou, explicando que a formación nacionalista está a desenvolver un plan de traballo que busca trasladar as preocupacións da cidadanía galega a todos os ámbitos institucionais, desde os concellos ata o Parlamento Europeo.
A eurodeputada destacou que, por primeira vez, a Eurocámara contará cunha comisión específica sobre vivenda asequible, con capacidade para elaborar un informe que recolla a realidade dos distintos territorios. “Queremos levar directamente a voz de Galiza e da Coruña a Bruxelas”, asegurou Miranda, quen adiantou que a concelleira Avia Veira será unha das relatoras nesta conferencia internacional.
A falta de vivenda accesible será un dos puntos centrais das xornadas. Miranda denunciou que “hai vivendas baleiras mentres moitas persoas non poden acceder nin á compra nin ao alugueiro”, unha situación que, segundo ela, non só afecta á Coruña, senón tamén a outras cidades como Vigo ou Santiago, e a boa parte do rural galego. Tamén criticou que os fondos europeos se concentren nas grandes urbes con máis de medio millón de habitantes, un criterio que deixa fóra a Galicia. “Temos cidades pequenas con problemas iguais ou peores, contornas rurais sen accesibilidade e cunha presenza crecente de vivendas turísticas, pero sen políticas de vivenda efectivas por parte da Xunta”, afirmou.
Pola súa banda, Avia Veira aproveitou o encontro para sinalar que “parece que o PP acaba de decatarse de que a Xunta de Galiza ten competencias exclusivas en materia de vivenda”. A concelleira reclamou que o Goberno galego asuma as súas responsabilidades e deixe de facer “anuncios bluf”. Segundo ela, é urxente mobilizar as vivendas baleiras, promover o alugueiro na construción pública e dar resposta ás dificultades que enfronta a mocidade para emanciparse.
Veira fixo tamén unha crítica directa ao impacto das políticas actuais: “Vivir na Coruña é bonito, pero resulta imposible”. Advertiu que a compra dunha vivenda “é absolutamente inasumible”, que o prezo da vivenda protexida medrou un 40% no último ano e que os alugueiros están a dispararse moi por riba do IPC, o que converte o acceso á vivenda nunha “misión imposible” para moitas familias.
O BNG levará así ao Parlamento Europeo unha das cuestións máis sensibles para a cidadanía galega, coa intención de que Europa poña tamén o foco na realidade específica dun territorio que, malia non contar con grandes metrópoles, padece unha crise de vivenda que esixe respostas urxentes e adaptadas.