A Coruña será sede da primeira semifinal do Concurso ‘Cociñeiro/a e Camareiro/a do Ano’ 2026

A cidade da Coruña converterase en abril de 2025 no epicentro da gastronomía estatal coa celebración da primeira semifinal do Concurso ‘Cociñeiro/a e Camareiro/a do Ano’ 2026. O certame, organizado polo Grupo Caterdata, conmemorou en 2024 os seus vinte anos de traxectoria, consolidándose como unha das citas máis innovadoras e prestixiosas do panorama culinario.
O acordo que fixo posible que a Coruña sexa a sede deste evento foi asinado esta semana entre o vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, e o director xeral do Grupo Caterdata, Alfons Pastor. Esta colaboración forma parte da campaña "A provincia que sabe", unha estratexia que busca potenciar a riqueza turística e gastronómica da provincia. “Acoller esta semifinal é unha oportunidade de ouro para seguir poñendo en valor a nosa gastronomía, que xa é o principal reclamo turístico da provincia”, afirmou Regueira.
Pola súa parte, Alfons Pastor destacou a importancia de Galicia no mapa gastronómico estatal. “É un pracer volver a esta terra que conta cun produto excepcional e grandes profesionais. Ademais, figuras galegas como Beatriz Sotelo ou Lucía Freitas deixaron unha pegada imborrable no noso concurso”, sinalou.
O concurso, que celebrará a súa décima edición, inclúe dúas semifinais e unha gran final que terá lugar en marzo de 2026 no marco da feira Alimentaria & Hostelco en Barcelona. Durante as semifinais, seis equipos de cociñeiros/as elaborarán un menú completo (entrante, prato principal e sobremesa) en cinco horas, que será avaliado por un xurado de renome presidido por Martín Berasategui.
Ademais, a sexta edición do Concurso Camareiro/a do Ano busca destacar o talento dos profesionais de sala. Os participantes realizarán un circuíto de probas para demostrar habilidades como o servizo, a preparación de bebidas ou o trato co cliente.
As inscricións para ambos concursos xa están abertas a través das páxinas web oficiais: concursococinero.com e concursocamarero.com. Este certame non só promove a innovación culinaria, senón que tamén contribúe a recoñecer e impulsar as carreiras de profesionais que, como o chef Jordi Cruz, gañador da primeira edición en 2006, acadaron recoñecementos internacionais.