A Coruña será o escenario exclusivo de tres grandes musicais en 2025

ACoruñaXa
‘Priscilla’, ‘Chicago’ e ‘Carmina Burana’ traerán 20.000 entradas á venda para atraer ao público galego e internacional
Musicales coruña
3 Dec 2024

A Coruña converterase en 2025 no epicentro dos musicais en Galicia coa chegada de tres grandes producións internacionais: Priscilla, la reina del desierto, Chicago e Carmina Burana. O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, anunciou esta mañá a posta á venda das entradas para estes espectáculos, que se representarán no Teatro Colón e no Palacio da Ópera. “Seguimos apostando pola exclusividade e a diferenciación con eventos culturais de primeira categoría, reafirmando a nosa cidade como un referente cultural no noroeste peninsular”, explicou o edil.

Un ano de espectáculos de gran formato

A programación abrirase con Priscilla, la reina del desierto, un musical baseado na película gañadora dun Oscar, que chegará ao Teatro Colón do 13 ao 16 de febreiro. Este espectáculo, que xa foi visto por máis de 7 millóns de espectadores en 30 países, destaca polo seu despregamento visual: 40 artistas, máis de 500 traxes e unha banda sonora premiada. Haberá un total de sete funcións para este musical, que promete transportar ao público a un mundo de música e cor.

En marzo, será a quenda de Chicago, que tamén terá sete funcións no Teatro Colón, do 6 ao 9 de marzo. Este musical, con 27 anos de historia en Broadway, narrará unha historia de avaricia e crimes no mundo do espectáculo. Con máis de 34 millóns de espectadores e 60 premios internacionais, Chicago é unha das producións máis icónicas do teatro musical.

Por último, Carmina Burana, de La Fura dels Baus, desembarcará no Palacio da Ópera do 9 ao 11 de maio cun espectáculo que combina música, teatro e experiencias sensoriais. Este proxecto de Carlus Padrissa xa foi visto por máis de 410.000 espectadores en Europa, Asia e América e conta cunha posta en escena impresionante. Haberá catro funcións en total.

A Coruña, un Broadway galego

“A Coruña converterase no Broadway galego coa chegada destes espectáculos, que complementan outros grandes éxitos como Grease”, destacou Gonzalo Castro. En total, están dispoñibles 20.000 entradas, que xa se poden adquirir a través de Ataquilla e no despacho de billetes da praza de Ourense. Segundo Javier Muñiz, director de programación de SOM Produce, os tres musicais prometen atraer a público galego e doutros puntos de España grazas á súa calidade e recoñecemento internacional.

0.15709114074707