A Coruña reunirá en decembro a máis de 70 especialistas internacionais en baterías e transición enerxética

A cidade da Coruña converterase os días 11 e 12 de decembro nun dos principais puntos de encontro europeos sobre almacenamento enerxético, coa celebración da reunión semestral da rede Alistore-European Research Institute (ERI). Máis de 70 expertos e expertas de universidades e centros de investigación acudirán á cita, que chega á cidade da man da UDC e da Cátedra Resonac-UDC.
O encontro está organizado polo CICA, a Vicerreitoría de Investigación e Transferencia da UDC e a Cátedra Resonac-UDC, baixo a coordinación de Israel Temprano, investigador Beatriz Galindo no grupo LISTE e director da cátedra. Temprano, membro da rede europea Alistore-ERI, destacou o valor estratéxico desta cita para conectar “investigación de vangarda, talento novo e industria emerxente”.
As sesións terán lugar na Reitoría da Universidade e converterán o espazo nun foro de intercambio científico e tecnolóxico. O programa inclúe a presentación das actividades recentes da rede Alistore-ERI e unha avaliación dos progresos de doutorandas e doutorandos que traballan en novas xeracións de baterías, materiais máis seguros e sistemas sostibles de almacenamento eléctrico.
Ademais, impartiranse conferencias a cargo de especialistas internacionais sobre interfaces electroquímicas, baterías de sodio e potasio, electrolitos sólidos e modelización atomística de materiais.
A primeira das xornadas acollerá unha sesión industrial coa participación de empresas e centros tecnolóxicos da contorna, como Resonac, CETIM, Ferroglobe, INL e CTAG, enfocada na innovación e os desafíos actuais do sector.
En paralelo ao programa científico, o CICA e a Cátedra Resonac-UDC poñerán en marcha o evento divulgativo “Ciencia en Movemento”, con actividades gratuítas para todos os públicos. Haberá charlas en formato accesible e obradoiros familiares na Biblioteca Durán Loriga, con experimentos e demostracións para explicar como funciona o almacenamento de enerxía. A programación completa anunciarase nos próximos días.
O CICA, creado en 2015, conta con máis de 200 investigadores e investigadoras e tres áreas científicas principais: Biomedicina; Alimentación, Contaminación e Saúde; e Nanociencia e Materiais Avanzados. Desde 2024 posúe o recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a excelencia e impacto da súa investigación.
A Cátedra UDC–Resonac Sparking Truth, dirixida por Israel Temprano e co-dirixida por Alba Tuñas, naceu en 2024 para impulsar investigación aplicada en enerxía, especialmente en tecnoloxías clave para a transición a fontes limpas. A súa misión inclúe o desenvolvemento de materiais innovadores, a formación de talento especializado e o fortalecemento da colaboración entre universidade, industria e sociedade.