A Coruña reunirá dende mañá a 2.500 profesionais sanitarios no Congreso Nacional de Medicina Xeral e de Familia

ACoruñaXa
A alcaldesa, Inés Rey, destacou o grande impacto social e económico que teñen os eventos profesionais na Coruña
Imaxe da presentacióndo Congreso Nacional de Medicina Xeral e de Familia
Imaxe da presentación do Congreso Nacional de Medicina Xeral e de Familia
12 Xuño 2024

Esta mañá presentouse en María Pita o XXX Congreso Nacional de Medicina Xeral e de Familia, que se celebrará na cidade  da Coruña entre mañá, día 13, e o sábado 15 de xuño. Está prevista a participación de 2.500 profesionais nestas xornadas que se celebrarán en Palexco.

Na presentación participaron: a alcaldesa da Coruña, Inés Rey; a presidenta da Sociedade Española de Médicos Xerales e de Familia (SEMG), Pilar Rodríguez Ledo; o presidente do comité organizador do congreso e presidente da Sociedade Galega de Médicos Xerais e de Familia, Keith Albert Foo; e a directora-xerente da SEMG en representación do comité de congresos, Sara Quintanilla Cejudo.

Baixo o lema ‘Marcando o rumbo’, durante os próximos tres días analizarase a actualidade desta especialidade e os grandes retos de futuro a afrontar. A alcaldesa, Inés Rey, destacou o grande impacto económico e social que xeran na cidade os grandes eventos profesionais coma este. A organización cifra en 3 millóns de euros o impacto deste congreso. “Un dos nosos obxectivos como goberno foi facer da Coruña un referente nacional na celebración de congresos e penso que o estamos conseguindo con boa nota”, dixo a rexedora.

As cifras do XXX Congreso Nacional de Medicina Xeral e de Familia amosan a relevancia do mesmo. Durante as xornadas impartiranse un total de 237 sesións a cargo de 128 expertos e doce de ditas sesións poderán ser seguidas por streaming, para os que hai inscritas 1.500 persoas máis. O número de comunicacións aceptadas polo comité científico ascende a 808.

Durante estes tres días celebraranse numerosas actividades científicas que abarcan diversas temáticas, mediante as que todos os asistentes terán ao seu alcance sesións e ponencias de primeiro nivel que expoñerán os últimos avances nas diversas áreas do coñecemento da Medicina de Familia. “Esta importantísima reunión científica será unha magnífica ocasión para

 

debater sobre as prácticas, experiencias e avances do sector cun único fin: mellorar a atención dos pacientes e, polo tanto, o benestar da nosa sociedade”, indicou a alcaldesa.

0.18111395835876