A Coruña reúne especialistas galegos para analizar os últimos avances contra o cancro de pulmón

ACoruñaXa
A XXVI Reunión do Grupo Galego de Cancro de Pulmón celebrarase este venres 13 de novembro na Fundación Paideia, con sesións sobre detección precoz, medicina de precisión e novas terapias
A CORUÑA cancer de pulmon
13 Nov 2026

A Coruña acollerá este venres, 13 de novembro, a XXVI Reunión Anual do Grupo Galego de Cancro de Pulmón (GGCP), un encontro que reunirá especialistas de distintos hospitais galegos para compartir coñecementos e analizar os avances que están a cambiar o diagnóstico e o tratamento desta enfermidade. A xornada comezará ás 16.00 horas na Fundación Paideia.

A reunión, organizada por Rosario García Campelo, xefa do Servizo de Oncoloxía Médica e da Unidade de Tumores Torácicos do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), así como do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC), abordará algúns dos principais retos actuais neste ámbito.

Entre os temas previstos figuran a implantación de programas de detección precoz mediante TAC de baixa dose, os avances en cirurxía e radioterapia e a aplicación da intelixencia artificial. Tamén se analizarán novas estratexias terapéuticas, como os anticorpos conxugados e biespecíficos, e o papel dos biomarcadores para adaptar os tratamentos ás características de cada paciente e evitar intervencións innecesarias.

O programa incluirá ademais unha sesión dirixida a médicos residentes, que exporán casos clínicos relacionados coas novas terapias dirixidas. A xornada contará tamén cunha conferencia maxistral de Jordi Remón, coordinador da Unidade de Tumores Torácicos do Institut Gustave Roussy de París, centrada nos retos e oportunidades da desescalada terapéutica.

O encontro celébrase nun contexto de importantes cambios no abordaxe do cancro de pulmón, coa incorporación da inmunoterapia, a medicina de precisión e novas opcións de tratamento en fases iniciais. A reunión pretende favorecer a colaboración entre profesionais e avanzar cara a unha atención multidisciplinar e máis personalizada.

A cita terá lugar na Fundación Paideia a partir das 16.00 horas e reunirá profesionais de distintas especialidades implicadas no diagnóstico, o tratamento e a investigación do cancro de pulmón.

0.15404486656189