A Coruña reúne desde hoxe a expertos en I+D+i no Congreso Español de Informática
O Congreso Español de Informática (CEDI), a reunión científica nacional máis importante no ámbito da informática, reúne desde ete luns 17 de xuño na Coruña a 1.100 profesionais. Trátase dun foro para promover sinerxías de investigación, institucionais e empresariais, brindando a oportunidade de establecer relacións de colaboración e intercambiar coñecementos científicos e tecnolóxicos.
O CEDI está formado por un conxunto de congresos que se levan a cabo anualmente de forma independente e que cada catro anos se celebran conxuntamente nunha mesma localización baixo a denominación de CEDI, que na súa VII edición terá lugar na Coruña, do 17 e 21 de xuño, na Facultade de Informática da UDC e no Palacio de Exposicións e Congresos (Palexco). O comité organizador está presidido por María Nieves Rodríguez Brisaboa e Juan Touriño Domínguez, investigadores do CITIC e docentes da UDC, por encargo da Sociedade Científica Informática de España (SCIE) que, entre outros labores, encárgase de dar continuidade ao CEDI e de outorgar os Premios Nacionais de Informática.
O CEDI súmase ao proxecto estratéxico da Cidade das TIC e á recente designación da Coruña como sede da Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA) para situar, á cidade en particular e a Galicia en xeral, como referencia a nivel nacional e internacional no ámbito TIC.