A Coruña renovará a pasarela peonil da Falperra sobre a rolda de Nelle con 250.000 euros

ACoruñaXa
Os traballos substituirán toda a estrutura e as varandas; durante as obras haberá cortes nocturnos e manterase un carril por sentido durante o día
A CORUÑA concello
31 Oct 2026

O Concello da Coruña comezará nos próximos días a renovación integral da pasarela peonil que prolonga a rúa Falperra por riba da rolda de Nelle. A actuación conta cun orzamento de 250.000 euros e inclúe a substitución da estrutura principal e doutros elementos, como as varandas, para mellorar a seguridade e garantir a accesibilidade do paso.

Os traballos desenvolveranse procurando reducir as afeccións ao tráfico, aínda que será necesario cortar a rolda de Nelle durante a noite para desmontar a pasarela actual e instalar a nova. Durante o día manterase un carril de circulación por sentido. Ademais, a última quenda dalgunhas liñas de autobús que circulan por esta vía podería experimentar cambios no seu percorrido.

Esta intervención enmárcase no programa municipal de rehabilitación e mantemento de pasarelas nos barrios. O Concello completou recentemente a remodelación da pasarela entre estacións, que permite cruzar a avenida de Alfonso Molina e conecta a pé os barrios de Catro Camiños e Os Mallos.

Así mesmo, o contrato de mantemento destas infraestruturas, aprobado este ano, conta cun investimento superior aos 700.000 euros para os próximos dous anos.

0.14896607398987