A Coruña rende homenaxe a Hematocrítico cunha exposición en Palexco

ACoruñaXa
A mostra “Hematocrítico Ilustrado”, organizada en colaboración con HematoFesti, abrirá ao público do 5 de novembro ao 6 de xaneiro
hematocrítico
31 Out 2024

O Concello da Coruña renderalle homenaxe a Miguel López, coñecido popularmente como "Hematocrítico", co gallo do seu cabodano a través dunha exposición que se poderá visitar do 5 de novembro ao 6 de xaneiro en Palexco. A vicevoceira do Goberno, Nereida Canosa, anunciou esta mañá a mostra, organizada en colaboración con HematoFesti e comisariada por Matilde Rodríguez, na que se busca poñer en valor o legado deste mestre, escritor e humorista que se gañou o recoñecemento popular pola súa creatividade e humor crítico.

Segundo Canosa, “Hematocrítico foi unha figura fundamental que, a través do humor, nos ofreceu unha ollada crítica e optimista sobre a realidade”. A exposición “Hematocrítico Ilustrado” recolle a obra de Miguel López a través das colaboracións con destacados ilustradores como Alberto Vázquez, Mar Villar, Paco Roca, Eugenia Ábalos e outros recoñecidos artistas. As ilustracións orixinais permitirán ao público percorrer a obra de Hematocrítico desde diferentes perspectivas.

A mostra estrutúrase en varias seccións que exploran distintas facetas creativas de Hematocrítico. Unha das zonas máis significativas é a dedicada a ‘El Hematocrítico del Arte’, a obra coa que Miguel conseguiu gran popularidade reinterpretando obras clásicas con humor e intelixencia. Ademais, a mostra inclúe un espazo para o público infantil con actividades interactivas, así como unha ‘Biblioteca Hemato’ onde se poderán descubrir as súas obras e conectar coa súa imaxinación.

Canosa pechou a intervención convidando á cidadanía a asistir a esta exposición, destacando que “é un tributo ao seu legado e ao compromiso que asumiu a nosa alcaldesa, Inés Rey, para que o humor e a literatura de Miguel continúen inspirando a todos nós”.

0.19495105743408