A Coruña reforza o apoio ás persoas maiores co servizo municipal de teleasistencia

O Concello da Coruña aposta polo benestar das persoas maiores e en situación de vulnerabilidade a través do servizo municipal de teleasistencia, xestionado pola Cruz Vermella. A concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, visitou hoxe as instalacións deste recurso esencial que atende a 2.265 persoas na cidade, cunha idade media de 84 anos, o 82% delas mulleres.
Canosa salientou o impacto positivo deste servizo, que combina tecnoloxía avanzada e atención humana personalizada, como clave para combater a soidade e previr situacións de risco. "A teleasistencia é unha ferramenta que transforma vidas, proporcionando seguridade, compañía e apoio ás persoas que máis o necesitan", afirmou.
Entre as funcións máis destacadas están a resposta inmediata ante emerxencias, o seguimento mediante chamadas programadas e o uso de dispositivos de seguridade como detectores de caídas, gas ou fume. Só neste ano, o servizo atendeu 706 emerxencias, das cales o 31,2% estiveron relacionadas con caídas, e realizou máis de 36.000 chamadas.
O servizo, gratuíto grazas a un investimento anual de 265.000 euros por parte do Concello, tamén actúa como unha ponte entre as persoas usuarias, as súas familias e os servizos sociais municipais, reforzando unha cidade máis inclusiva e solidaria. "Seguiremos mellorando este recurso para adaptalo ás necesidades da poboación e garantir o seu acceso universal", concluíu Canosa.