A Coruña reforza a innovación no uso da auga grazas á Cátedra EMALCSA-UDC

A concelleira de Medio Ambiente, Yoya Neira, abriu esta mañá a xornada de presentación de resultados da Cátedra EMALCSA-UDC, unha iniciativa clave para a investigación e a innovación no uso da auga. Durante o acto, que contou coa participación do reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, e de representantes de Emalcsa e Augas de Galicia, destacáronse os avances logrados nos proxectos desenvolvidos entre 2021 e 2024.
Neira subliñou a importancia da colaboración entre o Concello e a Universidade da Coruña, destacando que esta alianza permite impulsar proxectos innovadores que repercuten directamente no benestar da cidadanía. "A ampliación de coñecementos e a busca de solucións innovadoras non son só un obxectivo en si mesmas, senón un medio para mellorar a calidade de vida e o benestar da veciñanza", apuntou.
A Cátedra EMALCSA-UDC, creada en 2017, consolida unha colaboración histórica entre a Universidade e a empresa municipal de augas. O seu obxectivo principal é mellorar os procesos de xestión da auga, a protección ambiental e a responsabilidade social. Desde a súa creación, a dotación económica para proxectos de I+D+i incrementouse de forma notable, pasando dos 50.000 euros anuais do primeiro convenio aos 170.000 euros anuais no segundo período de colaboración.
Tres liñas de investigación destacadas
Na xornada presentáronse os resultados de tres proxectos principais:
- Plan AdO (Auga desde a orixe): enfocado na xestión e protección dos recursos hídricos desde os seus puntos de captación.
- Plan ECAD (Excelencia na Calidade da auga Distribuída): dedicado a garantir os máis altos estándares de calidade na auga subministrada.
- Aqualab: un laboratorio de desenvolvemento tecnolóxico centrado en innovacións que melloren a eficiencia e a sostibilidade.
O director xeral de Emalcsa, Jaime Castiñeira, e o profesor Sergio Rodríguez, director da Cátedra, destacaron o impacto positivo destes proxectos no día a día da cidadanía, así como o seu potencial para sentar as bases dunha xestión da auga máis sostible e eficiente no futuro.