A Coruña recoñecida polo Consello de Contas como exemplo a seguir na acollida de refuxiados ucraínos
O Consello de Contas de Galicia, no seu Informe de fiscalización pronta das medidas adoptadas polas entidades locais de Galicia para abordar a crise humanitaria provocada pola invasión de Ucraína, destacou a eficacia e coordinación de recursos do Concello da Coruña coa creación da Oficina Municipal de Apoio ao Pobo Ucraíno (OMAPU).
O Consello de Contas sinala no informe que a nivel municipal, de acordo coa documentación ausente ou achegada polas entidades locais, non existiu coordinación dos recursos dispoñibles excepto no caso da Coruña. O órgano autonómico destaca o Concello da Coruña pola súa xestión, que dispuxo “dunha oficina propia e un programa completo de atención inicial”.
Tal e como explica o informe, a maioría dos programas municipais postos en marcha foron resultado de coordinar a nivel municipal as iniciativas particulares ou privadas que se produciron nos primeiros meses non marco da atención sociosanitaria de emerxencia. O Consello destaca así “a especial relevancia” do procedemento implantado polo Concello da Coruña, “que asumiu a creación dunha Oficina específica de atención ás persoas que foxen do conflito” para a coordinación dos servizos, con persoal imputado ao programa e aglutinando na web todos os recursos dispoñibles para as persoas refuxiadas.
Dende a súa apertura o 21 de marzo de 2022, un total de 338 persoas de nacionalidade ucraína pasaron pola OMAPU. O servizo atendeu a 142 unidades familiares: 161 mulleres, 51 homes e 126 nenos e nenas.
Ademais, o Concello da Coruña fora unha das entidades seleccionadas como finalista dos dos Premios Europeos de Servizos Sociais (European Social Services Awards - ESSA) pola creación da Oficina de Atención ao Pobo Ucraíno, situándose como referente na xestión a nivel europeo. Os premios ESSA concédeos anualmente a Rede Europea de Servizos Sociais (European Social Network - ESN), entidade de titularidade pública financiada pola Comisión Europea e integrada por máis de 150 autoridades públicas a nivel local, rexional e nacional, representando a máis dun millón de profesionais técnicos/as de servizos sociais de toda Europa.
O xurado, integrado por docentes de prestixiosas universidades, responsables dos servizos sociais públicos de cidades europeas e funcionariado da comisión europea entre outros profesionais independentes, escolleu a OMAPU como candidata ao premio á Mellor Práctica Colaborativa (Collaborative Practice), pola súa innovación para o cambio social.