A Coruña recibe a Joan Ibáñez Ferrer, novo director do aeroporto de Alvedro

ACoruñaXa
A alcaldesa da Coruña reúnese co actual director, Jesús Campo, e o seu sucesor para abordar os retos e plans de futuro do aeródromo coruñés
A Coruña recibe a Joan Ibáñez Ferrer, novo director do aeroporto de Alvedro
17 Oct 2024

O aeroporto de Alvedro contará, a partir do 1 de novembro, cun novo director, Joan Ibáñez Ferrer, quen asumirá a dirección da infraestrutura aeroportuaria coruñesa tras desempeñar o mesmo cargo no Aeroporto de Logroño-Agoncillo. Durante a súa etapa en Logroño, Ibáñez liderou importantes melloras nos servizos e instalacións, así como a creación dunha escola de pilotos, consolidándose como unha figura clave para o desenvolvemento da infraestrutura.

Joan Ibáñez Ferrer, enxeñeiro industrial pola Universidade Politécnica de Valencia e Experto Profesional en Xestión de Activos pola UNED, comezou a súa carreira profesional en Aena no ano 2016. Ocupou distintos postos nos servizos centrais da compañía e no Aeroporto Adolfo Suárez Madrid-Barajas antes de ser nomeado director do aeroporto logroñés en xaneiro de 2023. A partir de agora, Ibáñez encargarase de continuar mellorando a conectividade e os servizos de Alvedro, tendo entre os principais retos o incremento de destinos e a optimización das infraestruturas.

Durante o acto de benvida celebrado esta mañá, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, reuniuse con Ibáñez e co actual director de Alvedro, Jesús Campo Hortas, para abordar os retos e proxectos de futuro do aeródromo coruñés, que está a piques de superar o millón de viaxeiros este 2024. Jesús Campo, que leva á fronte do aeroporto coruñés desde maio de 2013, continuará a súa carreira profesional como Director de Operacións e Infraestruturas do Grupo Aena Brasil, unha posición á que accederá a partir do próximo mes.

Rey agradeceu a Campo os seus máis de dez anos de dedicación e contribución ao crecemento de Alvedro e desexoulle éxito na súa nova etapa en Brasil, mentres daba a benvida a Ibáñez Ferrer, subliñando a importancia do seu novo cargo para o futuro económico e turístico da cidade.

0.16054105758667