A Coruña reafírmase como a cidade galega con mellor oferta cultural no Observatorio da Cultura 2025

A Coruña volve situarse á cabeza de Galicia en materia cultural, segundo o informe anual do Observatorio da Cultura 2025, elaborado pola Fundación Contemporánea. O recoñecemento deuse a coñecer este xoves 29 de xaneiro de 2026 durante a gala ‘Lo mejor de la cultura 2025’, celebrada en Santander, onde se subliñou tamén o papel da cultura como elemento clave na construción de destinos.
No ranking por cidades, A Coruña escala ata o posto 11 a nivel estatal, cun 18,5% dos votos, tres puntos máis ca no exercicio anterior. A mellora supón, ademais, un incremento do 20% no voto directo e consolida unha traxectoria sostida: desde a edición do informe de 2022, a cidade encadea catro anos consecutivos como primeira clasificada en Galicia e, no último lustro, non baixou do posto 15 no conxunto de España.
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, atribuíu os resultados ao rumbo das políticas culturais municipais desde 2019, impulsadas polo Goberno local que lidera a alcaldesa Inés Rey. ‘Esta valoración reforza as políticas culturais levadas a cabo, apostando por todo tipo de públicos e iniciativas, sustentadas na mellor rede de espazos culturais de Galicia’, afirmou. No ámbito autonómico, A Coruña queda por diante de Santiago de Compostela (posto 17), Vigo (posto 26) e Pontevedra (posto 35), un dato que, ao seu xuízo, ‘consolida a proxección estatal da cidade e o seu papel como capital cultural de Galicia’.