A Coruña queda sen trens desde este venres polo avance das obras da estación intermodal

A estación ferroviaria da Coruña entra este venres, 26 de xuño, na fase máis complexa das obras de construción da futura estación intermodal. Desde esta xornada e ata o 10 de xullo, ningún tren poderá entrar nin saír da terminal de San Cristovo, un peche total que obrigará a modificar todas as conexións ferroviarias con orixe ou destino na cidade. As actuacións forman parte da remodelación que está a executar Adif para adaptar a infraestrutura á futura estación intermodal.
Para garantir a mobilidade, Renfe puxo en marcha un amplo plan alternativo por estrada. Os viaxeiros dos servizos AVE, Avlo, Alvia, Avant e Media Distancia realizarán parte do percorrido en autobús, dependendo do destino. Nas conexións cara a Madrid e o Eixo Atlántico, os transbordos efectuaranse entre A Coruña e Santiago de Compostela, mentres que os servizos con destino ou procedencia de Ferrol, Lugo e parte das relacións con Ourense farano entre A Coruña e Betanzos-Infesta.
Ademais dos transbordos por estrada, Renfe suprimiu seis circulacións durante este período debido á reorganización do servizo, polo que recomenda aos usuarios consultar o estado do seu tren antes de iniciar a viaxe e acudir ás estacións con maior antelación da habitual. A compañía tamén lembra que os horarios poden sufrir pequenas modificacións para adaptarse aos tempos do transporte alternativo.
As obras permitirán completar unha das fases máis delicadas da nova estación intermodal, na que se executan actuacións sobre as vías, andéns e instalacións ferroviarias. A futura terminal contará con seis vías, tres andéns e unha gran marquesiña, ademais da integración coa nova estación de autobuses e cos accesos urbanos que tamén se están a construír. O investimento global supera os 86 millóns de euros.
O peche temporal afectará a miles de usuarios que utilizan diariamente o tren para desprazarse entre A Coruña e o resto de Galicia ou Madrid. As administracións e Renfe defenden que este corte é imprescindible para avanzar nos traballos e manter o calendario previsto para a posta en servizo da futura estación intermodal, chamada a converterse nun dos principais nodos de transporte de Galicia.