A Coruña proxecta para 2026 un orzamento de 375 millóns de euros centrado no impulso económico e no reforzo social

ACoruñaXa
Inés Rey presenta unhas contas pactadas co BNG, con máis de 58 millóns en investimentos e foco na mellora dos servizos e dos barrios
A CORUÑA inés rey
24 Dec 2025

A alcaldesa, Inés Rey, presentou as liñas xerais dos Orzamentos municipais de 2026, aprobados xa en Xunta de Goberno e que se levarán a votación plenaria antes de que remate o ano. As contas ascenden a 375 millóns de euros, cifra que chega aos 406 millóns ao sumar o orzamento dos organismos dependentes. Rey agradeceu ao BNG e ao seu portavoz a 'capacidade de poñer a cidade por riba de calquera outro interese' no acordo que permitiu sacar adiante as contas.

A alcaldesa definiu o documento como un orzamento de carácter expansivo, deseñado para reforzar a dinamización económica, as políticas de benestar e protección social, a mobilidade sostible e a mellora dos investimentos nos barrios. A estrutura das contas organízase arredor de catro eixes: economía e servizos públicos; novos equipamentos e planificación estratéxica; políticas sociais, vivenda e protección; e mobilidade, espazos verdes e accesibilidade, coa aposta polos barrios como elemento de cohesión.

No capítulo de planificación estratéxica, Rey destacou os máis de 4 millóns de euros para a Cidade das TIC, para a que se prevé tamén un plan director, ademais do impulso ao Plan Estratéxico A Coruña 2030-2050 e a continuidade do programa Coruña Marítima. En paralelo, o Concello prevé máis de 58 millóns de euros en investimentos ao longo de 2026, con actuacións como a rehabilitación do edificio A Terraza de Méndez Núñez, as novas oficinas municipais de Atención Cidadá, a redacción do proxecto de renovación do Fórum Metropolitano, novas dependencias na Fábrica de Tabacos, o remate da estación intermodal, novas bibliotecas e aulas dixitais en Palavea e Novo Mesoiro, o espazo multiusos da Bágoa de San Roque, a segunda fase do parque do Observatorio e o novo equipamento de Santa Lucía, entre outras intervencións.

As contas incorporan tamén medidas para reforzar a proxección da cidade, coa previsión de incrementar en 600.000 euros a dotación do Consorcio de Turismo para contribuír á chegada de rutas aéreas en Alvedro. Rey volveu reclamar implicación da Xunta na política aeroportuaria, sinalando que o Concello mantén en solitario a promoción neste eido.

O compoñente social ocupa un lugar central no orzamento, cun aumento de 2 millóns de euros para o programa de axuda no fogar e melloras noutras partidas como as bolsas comedor e o bonotaxi. En virtude do acordo co BNG, recupéranse tamén os orzamentos participativos, dotados con 2,6 millóns de euros e carácter bianual. Ademais, as contas reservan case 20 millóns de euros para o bonobús, a maior cifra orzada na cidade para este fin.

En materia de vivenda, inclúense máis de 4 millóns de euros para o edificio municipal de alugueiro social en Xuxán e unha dotación de 1,5 millóns de euros para que EMVSA poida xestionar 500 vivendas municipais en réxime de alugueiro, cifra que, segundo avanzou a alcaldesa, seguirá medrando nos próximos anos.

No ámbito deportivo, Rey salientou un investimento de 7 millóns de euros no Plan de instalacións deportivas municipais, tanto para mellorar espazos existentes como para novas pistas. En cultura, recóllese un Plan de instalacións culturais con atención ao Fórum e ao Teatro Rosalía e novos investimentos vinculados ás bibliotecas de Palavea e Novo Mesoiro.

En clave ambiental, as contas contemplan unha partida para un Plan de arboredo e reiteran o compromiso de licitar Nostián nos vindeiros días, ademais de melloras nas áreas caninas e na cala de Bens. Por outra banda, o documento dá continuidade ao Plan de barrios 2025-2027, incorporando partidas para compromisos como o remate da intermodal (cun millón de euros) e o abono de accesos ao novo CHUAC, con máis de 4,2 millóns de euros.

'Son uns orzamentos expansivos pensados para ter mellores servizos, potenciar o tecido económico, completar e mellorar os equipamentos públicos e contribuír a humanizar a calidade urbana', concluíu Rey, que avanzou unha presentación máis detallada do acordo político nos vindeiros días.

⚙ Configurar cookies
0.082769870758057