A Coruña promove o ensino audiovisual en persoas maiores a través de ASEDUC
A alcaldesa da cidade da Coruña, Inés Rey, e a presidenta da Asociación Socioeducativa para a Educación (ASEDUC), Cristina Suárez, asinaron o convenio de colaboración entre administración local e a entidade para a promoción do ensino audiovisual en persoas maiores. O Concello achegará un total de 25.000 euros para o financiamento do programa 'Maior creativ@ Coruña' que ten como obxectivo mellorar a calidade de vida das persoas maiores a través de formación e tarefas en creación de contidos.
O proxecto está dirixido polos cineastas Domingo Docampo e Manolo Gómez e conta cun amplo grupo de persoas vinculadas ao sector que colaboran nas actividades como educadores en contido e linguaxe audiovisual. Realízanse charlas sobre cine, talleres prácticos nos que se elaboran, por grupos, pezas audiovisuais así como actividades vinculadas á producción e creación de material promocional en web e redes sociais.
Con este convenio, o Goberno de Inés Rey buscan diminuir a fenda dixital na poboación adulta maior de 55 anos ao tempo que se combate coa soidade non desexada, un dos principais retos da sociedade actual. O proxecto ten unha dobre vertente, como educación en audiovisual e cine, divulgando as diferentes profesións (guion, dirección, cámara, montaxe, etc.) do sector e promovendo o dinamismo e socialización nos colectivos máis avellentados.
Rey e Suárez puxeron en valor a actividade na que participan seis entidades e institucións: Asociación 'De Mayor Crea', Asociación de Promoción Social 'Palestra' e a Asociación 'Móbil Cinema' xunto coa Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade Sénior da UDC e o Consello Superior de Investigacións Científicas CSIC.