A Coruña programa doce festas e nove obradoiros infantís polo Samaín nos centros cívicos

O Concello da Coruña, a través da Concellería de Benestar Social, Participación e Igualdade, organizará unha programación especial polo Samaín con doce festas infantís e nove obradoiros de manualidades nos centros cívicos municipais. As actividades celebraranse os días 30 e 31 de outubro e o 7 de novembro e estarán dirixidas a nenos e nenas de entre 4 e 12 anos.
A participación será gratuíta, pero será necesario inscribirse previamente na conserxaría do centro cívico onde se desenvolva cada proposta. O prazo de inscrición abrirase o xoves 22 de outubro e as prazas cubriranse por orde de solicitude ata completar a capacidade dispoñible. As persoas menores deberán acudir acompañadas dunha persoa adulta responsable.
Doce festas infantís con pintacaras e globoflexia
As festas infantís terán unha duración de tres horas e incluirán actividades de pintacaras e globoflexia. A programación comezará o venres 30 de outubro nos centros cívicos de Palavea, San Diego, Cidade Vella e Mesoiro. Continuará o sábado 31 nos de Monelos, Castrillón, Os Rosais e Monte Alto, e rematará o sábado 7 de novembro nos Mallos, Eirís, Elviña e Novoboandanza.
Agás a festa de Mesoiro, que terá lugar de 18.45 a 21.45 horas, todas as celebracións están programadas en horario de 17.00 a 20.00 horas.
Obradoiros creativos con contacontos
A programación complétase con nove obradoiros de manualidades, que incluirán tamén sesións de contacontos. Cada actividade terá unha duración dunha hora e corenta e cinco minutos e permitirá que a cativada elabore diferentes elementos decorativos relacionados co Samaín.
As propostas empregaran materiais como cartolina, papel vexetal, tubos de cartón e la. Entre elas figuran 'Lanternas máxicas do Samaín', para crear lanternas decorativas con siluetas temáticas; 'Monstros divertidos do Samaín', centrado na elaboración de pequenos personaxes con cartón e accesorios; e 'Máscaras das ánimas', para confeccionar e decorar máscaras.
A oferta inclúe tamén 'Móbiles da noite de Samaín', no que se crearán estruturas colgantes con lúas, estrelas, pantasmas e motivos outonais, e 'Morcegos voadores do Samaín', para construír figuras con ás articuladas que se moverán mediante un cordel.
Calendario das actividades do Samaín na Coruña
Venres, 30 de outubro
O venres haberá festas infantís de 17.00 a 20.00 horas nos centros cívicos de Palavea, San Diego e Cidade Vella. No centro cívico de Mesoiro, a celebración desenvolverase de 18.45 a 21.45 horas. Todas están dirixidas a nenos e nenas de 4 a 12 anos.
Sábado, 31 de outubro
A xornada do sábado comezará pola mañá con tres propostas de obradoiros e contacontos, todas de 10.30 a 12.15 horas. Nos centros cívicos do Birloque e Santa Lucía celebrarase o obradoiro 'Máscaras das ánimas'; no de Pescadores, 'Móbiles da noite de Samaín'; e nos da Sagrada Familia e Artesáns, 'Morcegos voadores do Samaín'.
Pola tarde, de 16.30 a 18.15 horas, o centro cívico de Feáns acollerá o obradoiro 'Lanternas máxicas do Samaín' e o da Silva ofrecerá 'Móbiles da noite de Samaín'. Ademais, de 17.00 a 20.00 horas haberá festas infantís nos centros cívicos de Monelos, Castrillón, Os Rosais e Monte Alto.
Sábado, 7 de novembro
A programación continuará pola mañá, de 10.30 a 12.15 horas, con dous obradoiros acompañados de contacontos. O centro cívico de San Pedro de Visma acollerá 'Lanternas máxicas do Samaín', mentres que o de Castro de Elviña ofrecerá 'Monstros divertidos do Samaín'.
A última xornada rematará pola tarde con festas infantís de 17.00 a 20.00 horas nos centros cívicos dos Mallos, Eirís, Elviña e Novoboandanza.
As persoas interesadas en participar poderán inscribir os nenos e nenas a partir do xoves 22 de outubro na conserxaría do centro cívico correspondente. As prazas asignaranse por orde de inscrición e ata completar a capacidade dispoñible.