A Coruña prepara un plan de difusión para impulsar as rutas patrimoniais da Cidade Vella

O Concello da Coruña está a elaborar un plan de difusión para promover as rutas patrimoniais polo ámbito da Cidade Vella e aumentar o coñecemento dos itinerarios culturais que percorren o centro histórico. O servizo, actualmente en proceso de contratación, incluirá o deseño e elaboración dos materiais necesarios para dinamizar, difundir e comunicar estas propostas.
A iniciativa pretende incrementar a visibilidade e relevancia das rutas patrimoniais, así como xerar maior interese e participación entre as persoas usuarias. As accións de promoción e comunicación desenvolveranse mediante diferentes elementos gráficos e comunicativos orientados a achegar os itinerarios á cidadanía e ás persoas visitantes.
O plan tamén busca mellorar, diversificar e redistribuír a oferta turístico-patrimonial da Cidade Vella, co obxectivo de garantir experiencias de calidade para os visitantes e dar maior presenza a percorridos alternativos polos espazos históricos da cidade.
Entre as propostas que se queren potenciar están os itinerarios temáticos dirixidos a persoas con intereses específicos. Así, haberá percorridos centrados na arquitectura, a literatura, o patrimonio biocultural e a xardinería, o legado histórico-militar, as figuras femininas da historia e o legado hebreo da Cidade Vella.
Deste xeito, a iniciativa pretende dar a coñecer outras formas de descubrir o centro histórico da Coruña, poñendo en valor elementos patrimoniais e culturais que van máis alá dos percorridos turísticos convencionais.
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, destacou que "o centro histórico da cidade supón un dos seus grandes valores e atractivos. É unha viaxe pola historia e pola identidade da Coruña". Neste sentido, sinalou que o Concello está a "reforzar as accións para dar a coñecer dentro e fora todas as marabillas arquitectónicas, artísticas e culturais destas rúas".
O financiamento desta actuación forma parte do plan desenvolvido cos fondos dunha subvención concedida ao Concello polo Ministerio de Industria e Turismo para financiar proxectos sostibles de mantemento e rehabilitación do Patrimonio Turístico, cun importe total de 2.088.000 euros.