A Coruña licita un novo contrato de iluminación de Nadal para chegar a máis rúas nos barrios da cidade

ACoruñaXa
O Goberno de Inés Rey levará a cabo un investimento de 800.000 euros anuais, máis do medio millón por exercicio que se destinaba anteriormente
Imaxe das luces de Nadal na rúa Real da Coruña
29 Xuño 2024

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presidiu este venres a Xunta de Goberno Local, na que se aprobou a licitación do contrato de iluminación ornamental para as festas de Nadal e do Entroido. Ata agora, o Concello levaba a cabo un investimento de medio millón de euros anuais para sufragar o deseño, subministración e instalación das luces.

A rexedora avanzou que co novo contrato se dará un pulo ao orzamento específico destinado a esta finalidade, que pasará a ser de 800.000 euros anuais. "Desta forma, xa no vindeiro Nadal poderemos estender a iluminación festiva a máis rúas da cidade, facendo partícipes a todos os barrios da Coruña dunhas datas moi especiais", expuxo Inés Rey.

O novo contrato de iluminación estipula un investimento total de 2,4 millóns de euros entre o que resta deste ano e inicios de 2027, polo que terá, de inicio, unha vixencia de tres anos. O Concello terá a posibilidade de amplialo por outros dous anos máis, en función do nivel de satisfacción que haxa cos servizos que preste a empresa adxudicataria.

0.19021892547607