A Coruña licita cinco novas rutas aéreas desde Alvedro para reforzar a conexión con grandes cidades españolas

GaliciaXa | ACoruñaXa
O contrato, valorado en máis de 6,5 millóns de euros, inclúe voos a Málaga, Valencia, Bilbao, Sevilla e Alacante, ademais dun plan de promoción turística da cidade
CULLEREDO aterrizaje alvedro
4 Aug 2026

O Concello da Coruña, a través do Consorcio de Turismo e Congresos, abriu o proceso de licitación para poñer en marcha cinco novas rutas aéreas nacionais desde o aeroporto de Alvedro. A iniciativa busca mellorar a conectividade da cidade e reforzar a súa posición como destino turístico, económico e congresual.

O contrato contempla conexións directas con Málaga, Valencia, Bilbao, Sevilla e Alacante, consideradas estratéxicas polo seu potencial para favorecer tanto a mobilidade de viaxeiros como a actividade empresarial e turística. Segundo as previsións municipais, as novas rutas poderán entrar en funcionamento ao longo deste mesmo ano.

A licitación conta cun investimento superior aos 6,5 millóns de euros e terá unha duración inicial de tres anos, con posibilidade de prorrogarse un ano máis. Ademais da operativa aérea, o contrato inclúe un plan de promoción da cidade nos mercados de destino mediante campañas publicitarias, presenza da Coruña nos soportes das compañías aéreas, accións en redes sociais e iniciativas dirixidas ao sector turístico.

En conxunto, as cinco conexións sumarán máis de 1.000 voos anuais, dependendo da ruta e da anualidade do contrato, e ofrecerán decenas de miles de prazas cada ano. As conexións con Málaga e Valencia contarán con 208 voos anuais cada unha; Bilbao terá 180 voos anuais; mentres que Sevilla e Alacante incrementarán progresivamente as frecuencias ao longo da vixencia do contrato.

O Concello informou tamén de que o Consorcio de Turismo está a preparar unha nova licitación específica para impulsar rutas internacionais desde Alvedro, co obxectivo de ampliar a conectividade da cidade con mercados europeos considerados prioritarios.

0.13402485847473