A Coruña lembra a Antón de Santiago cunha placa conmemorativa na contorna da Casa Sol

O Concello da Coruña celebrou este martes un acto de recoñecemento ao barítono, mestre e divulgador Antón de Santiago co descubrimento dunha placa conmemorativa na zona axardinada da avenida Barrié de la Maza, ao lado da Casa Sol. Trátase dun espazo simbólico no que, desde agora, queda tamén gravada a memoria da súa traxectoria e da pegada que deixou na cultura da cidade.
A homenaxe estivo presidida pola alcaldesa, Inés Rey, e contou coa presenza da familia do homenaxeado (as fillas Mar e María José (Teté), os netos Airela, Antón e Xune, e a súa muller, Fina), ademais de representantes do Instituto José Cornide, do Conservatorio Superior de Música, agrupacións musicais e comparsas de Entroido.
O acto abriu coa interpretación de 'Os teus ollos' a cargo da Coral Polifónica El Eco. Na súa intervención, a rexedora definiu a Antón de Santiago como unha das figuras máis queridas e completas da cultura galega, destacando a súa capacidade para levar a música, o teatro e a retranca coruñesa a diferentes espazos da cidade con entrega e autenticidade. Rey subliñou tamén a súa vocación pedagóxica, o labor desenvolvido no Conservatorio e a maneira na que fixo convivir a ópera coa festa, a memoria co humor e Galicia coa emoción. 'A súa voz non se apagou, segue presente na alma desta cidade', salientou.
Posteriormente, a súa filla Mar tomou a palabra en nome da familia e deu paso a Pablo Carballido, que recitou o poema 'No bico un cantar', de Curros Enríquez, acompañado ao violonchelo por Alicia Fuentes Núñez, sobre unha música composta polo propio Antón de Santiago. A continuación, a alcaldesa e as fillas do homenaxeado descubriron a placa que desde hoxe lembra a súa figura nun espazo público da Coruña.
A despedida correu tamén a cargo da Coral El Eco, que interpretou 'Xa non sei cantar', pechando unha cerimonia íntima e cargada de significado. Con este xesto, o Concello quixo recoñecer publicamente a Antón de Santiago como parte esencial da cultura e da memoria viva da cidade, reforzando á vez o compromiso coa lembranza de quen fixeron da súa obra un patrimonio compartido.