A Coruña lanza a súa programación do 25N baixo o lema 'Non hai escusas'

ACoruñaXa
O programa inclúe charlas, obradoiros, teatro e cine para fomentar a reflexión e a acción social contra a violencia de xénero. Entre os eventos destaca a proxección de "Soy Nevenka" o 21 de novembro en Cantones Cines
Presentación 25N Coruña
4 Nov 2024

Esta mañá, a concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación do Concello da Coruña, Nereida Canosa, presentou oficialmente as actividades organizadas en conmemoración do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, que se celebra o próximo 25 de novembro. Baixo o lema “Non hai escusas”, a programación deste ano ten como obxectivo invitar á reflexión, ao debate e, sobre todo, á acción de diferentes axentes sociais e da cidadanía desde múltiples espazos.

A concelleira Nereida Canosa destacou que o programa está deseñado para abarcar todas as idades e perfís, desde a infancia e a mocidade ata o público xeral. “Queremos chegar a todos, desde os máis pequenos ata as persoas adultas, coa firme convicción de que cada persoa pode xogar un papel fundamental na eliminación da violencia contra as mulleres”, sinalou Canosa.

O programa inclúe un total de 14 actividades que se levarán a cabo desde hoxe ata o 30 de novembro. A variada oferta abrangue desde charlas e obradoiros ata proxeccións de cine e teatro. Entre as actividades programadas, destaca a proxección do documental "Soy Nevenka" de Icíar Bollaín, que se exhibirá o 21 de novembro nos Cantones Cines.

Ademais, o 25 de novembro terá lugar unha concentración na Praza de Pablo Iglesias en memoria das vítimas da violencia de xénero, organizada pola Plataforma pola Igualdade e Contra a Violencia de Xénero do Castrillón. A xornada incluirá un minuto de silencio e a lectura de textos en homenaxe ás vítimas, co fin de crear un momento de reflexión e solidariedade con aquelas que xa non están. A continuación, o mesmo día, celebrarase a tradicional andaina que partirá da explanada de Riazor ás 12:00 h e rematará coa formación dun lazo humano, símbolo de apoio ás superviventes e ás súas familias.

“O programa ofrece múltiples oportunidades para construír, debater, concienciar e avanzar. Sabemos que a loita contra a violencia de xénero é un camiño longo e complexo, pero reafirmamos o noso compromiso de seguir avanzando en cada paso”, concluíu Canosa.

PROGRAMACIÓN COMPLETA 25N

Presentación-coloquio do libro "Nosotras: El feminismo en la democracia" de Carmen Calvo

  • Data: 4 de novembro
  • Hora: 19:00 h
  • Lugar: Fundación Luís Seoane
  • Público: Recomendado a partir de 16 anos

Representación teatral "Mulleres que viven soas" de Paula Carballeira

  • Data: 8 de novembro
  • Hora: 20:30 h
  • Lugar: Auditorio Fórum Metropolitano
  • Público: Público xeral

Proxección do filme "Soy Nevenka" de Icíar Bollaín

  • Data: 21 de novembro
  • Hora: 19:00 h
  • Lugar: Cantones Cines
  • Público: Público xeral, entrada de balde (entradas dispoñibles no Centro Cívico de Monelos desde o 11 de novembro)

Conversa co alumnado: "Como inflúe a pornografía na nosa sexualidade?" con Sindy Takanashi e Jesús Moreno

  • Data: 22 de novembro
  • Hora: 10:00 h
  • Lugar: Facultade de Socioloxía
  • Público: Alumnado de 4º da ESO, Bacharelato e FP

Conversa aberta: "A iniciación á sexualidade e a educación en igualdade" con Sindy Takanashi e Jesús Moreno

  • Data: 22 de novembro
  • Hora: 19:00 h
  • Lugar: Fundación Paideia
  • Público: Público xeral ata completar aforo

Teatro-forum: "DeSexo" sobre educación afectivo-sexual na adolescencia

  • Data: 26 de novembro
  • Hora: 10:00 h
  • Lugar: Centro Cultural Ágora
  • Público: Alumnado de 3º da ESO

Obradoiros interculturais na Escola Intercultural da Unidade de Asesoramento de Migracións (UAMI)

  • Datas e Horarios:
    • Educación Infantil: “Árbore da non violencia” (26 de novembro, 17:30 h)
    • Educación Primaria: “O chubasquero de Aurora” (25 de novembro, 18:15 h)
    • Educación Secundaria: “Desenmascarando el control” (25 de novembro, 19:30 h)
  • Lugar: Centro Social Sagrada Familia
  • Público: Infantil, primaria e secundaria

Concentración “Pola Convivencia sen Violencia” en homenaxe ás vítimas

  • Data: 25 de novembro
  • Hora: 11:00 h
  • Lugar: Praza de Pablo Iglesias
  • Público: Público xeral

Andaina e lazo humano pola solidariedade e apoio ás vítimas

  • Data: 25 de novembro
  • Lugar: Explanada de Riazor
  • Público: Público xeral

Charla-obradoiro "A detección e a prevención das violencias machistas"

  • Data: 27 de novembro
  • Hora: 11:00 - 13:00 h
  • Lugar: Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso
  • Público: Alumnado do centro (20-22 anos)

Actividades educativas nos espazos de atención á infancia

  • Datas: 18 ao 30 de novembro
  • Hora: 15:00-20:30 h, segundo cada centro
  • Lugar: Centros Cívicos de Castrillón, Rosales, Monte Alto, Novo Mesoiro, Os Mallos e Palavea
  • Público: Nenos de 3 a 12 anos

Conversa "A educación emocional para formar relacións de parella sás" con Elsa Punset e Paula Cons

  • Data: 30 de novembro
  • Hora: 18:00 h
  • Lugar: Paraninfo da UDC
  • Público: Público xeral ata completar aforo
0.16297197341919