A Coruña inviste máis de 300.000 euros nas melloras de accesibilidade da rúa Betanzos

ACoruñaXa
O Concello comezará cosas obras na zona do barrio do Ensanche, onde se plantarán novas árbores e tamén se remodelará a rede de saneamento
Vista área da rúa Betanzos, no barrio do Ensanche da Coruña
14 Feb 2024

O Concello da Coruña comezará proximamente cos traballos para mellorar a accesibilidade na rúa Betanzos, localizada no barrio do Ensanche, onde se acometerá a renovación integral e ampliación das beirarrúas e a remodelación dos pasos peonís da contorna, que pasarán a estar dispostos en elevación.

Esta intervención, promovida pola Área de Economía e Planificación Urbana a través do servizo municipal de Infraestruturas, busca adaptar esta rúa á súa realidade actual, dado que é unha das principais vías de tránsito peonil cara a un importante enclave comercial da cidade, a praza de Lugo.

O investimento previsto nesta intervención é de 309.879 euros, cun prazo de execución de tres meses a contabilizar desde a data de inicio dos traballos.

Neste sentido, o pavimento das beirarrúas da rúa Betanzos integrarase esteticamente coa paisaxe urbana da contorna, conseguindo así unha unidade no referente ao seu tratamento. A este respecto, cómpre destacar que o material que se empregará para a renovación das beirarrúas da rúa Betanzos será granito gris. Desta forma, disporanse lousas que virán substituír as antigas baldosas, máis susceptibles a sufrir desperfectos e irregularidades ante o paso do tempo. Estas novas lousas de granito gris serán idénticas ás xa existentes na rúa Compostela e na propia praza de Lugo.

A maiores, se prevé que se planten oito novas árbores e a incorporación de mobiliario urbano, con catro novos bancos de madeira.

Renovación da rede de saneamento, reforzando a súa seguridade

Ademais, no plan de traballos na rúa Betanzos tamén se inclúe a substitución dos antigos colectores da rede de saneamento no treito que vai desde Juan Flórez a Rosalía de Castro. Actualmente, as tubaxes polas que flúen as augas fecais son de gres e 200 mm. de diámetro. Seguindo os parámetros de intervencións xa executadas en máis barrios da cidade, os colectores renovaranse por tubaxes de PVC e 400 mm. de diámetro, reforzando así a seguridade da rede ante posibles fugas.

A maiores, na rúa Betanzos instalarase unha nova rede de recollida de augas pluviais, que se executará en paralelo á xa existente de augas fecais, cun metro de separación entre ambas as dúas.

Elevación dos pasos peonís

Outra das medidas a destacar no contexto desta actuación será a elevación dos pasos peonís existentes nos cruzamentos da rúa Betanzos con Teresa Herrera e a praza de Lugo, ao leste, e con Francisco Mariño e Rosalía de Castro ao oeste.

Nestas dúas localizacións, co obxectivo de mellorar a accesibilidade e reforzar a seguridade peonil, o firme da calzada pasará a estar ao mesmo nivel que o pavimento da beirarrúa. Ademais, nos accesos aos pasos peonís disporanse baldosas podotáctiles, coa finalidade de facilitar o tránsito das persoas invidentes.

Implantación dun único carril de circulación

Actualmente, a calzada da rúa Betanzos está formulada nun formato de dous carrís de circulación -de 2,80 metros de ancho cada un (no mesmo sentido) en baixada cara á praza de Lugo. Porén, co obxectivo de mellorar a accesibilidade desta rúa, onde hai unha notable afluencia peonil polo impacto comercial da praza e o mercado municipal Eusebio da Guarda, o Goberno de Inés Rey apostará por ampliar as beirarrúas, ganando un metro de ancho en cada marxe. Esta reconfiguración da rúa Betanzos suporá que a calzada pasará a contar cun único carril de circulación, dunha anchura de 3,50 metros, para o paso de vehículos.