A Coruña inaugura unha nova estación provisional de tren que estará en funcionamento desde o sábado

ACoruñaXa
A nova estación facilitará o servizo ferroviario mentres avanzan as obras da futura intermodal
Estación provisional Coruña
12 Dec 2024

A nova estación intermodal provisional abrirá as súas portas este sábado, 14 de decembro, mentres avanzan as obras de renovación integral na antiga estación de San Cristovo. A alcaldesa, Inés Rey, visitou esta mañá as instalacións do edificio provisional, que permitirá garantir a continuidade do servizo ferroviario durante os traballos.

O novo edificio, con 1.125 metros cadrados de superficie, conta con seis vías e tres andéns. Esta infraestrutura busca evitar as molestias para os viaxeiros e reforzar a seguridade durante o período de obras. "Esta terminal é un paso fundamental para o futuro da mobilidade na Coruña e supón un impulso para os barrios de Os Mallos e a Sagrada Familia", subliñou Rey, quen estivo acompañada polo delegado do Goberno, Pedro Blanco, e representantes do ADIF.

A terminal provisional estará operativa ata xuño de 2026. Posteriormente, está previsto que se destine a usos complementarios como espazos para operadores ferroviarios e tarefas de mantemento.

Melloras no acceso e reordenación do tráfico

A reforma da avenida da Sardiñeira e a creación dun novo viario na Agra dos Mallos avanzan en paralelo ás obras da estación. Segundo explicou a alcaldesa, estes proxectos facilitarán o acceso á futura intermodal e axudarán a xestionar o incremento de tráfico. A intervención na Sardiñeira, cun investimento de 1,8 millóns de euros, está na súa fase final, mentres que o novo vial da Agra dos Mallos, cun orzamento de 2,1 millóns, incorporará espazos peonís e un carril bici.

"A creación deste percorrido permitirá absorber o tráfico vinculado á intermodal, garantindo unha maior fluidez nos accesos á cidade", afirmou Rey.

Posta en servizo este sábado

Durante esta semana, o servizo ferroviario na estación coruñesa estivo suspendido para realizar tarefas técnicas necesarias, como a instalación dun novo sistema de enclavamento electrónico e a actualización de sinalización e comunicacións. A partir do sábado, os trens retomarán o seu funcionamento normal desde a terminal provisional.

No exterior da estación, habilitáronse zonas específicas para taxis e autobuses na avenida do Ferrocarril, mentres que os plans alternativos de transporte por estrada cubrirán as necesidades dos usuarios ata o inicio do servizo ferroviario.

⚙ Configurar cookies
0.42725491523743