A Coruña impulsa unha nova ordenanza nos centros municipais de empresas para brindar apoio aos emprendedores
O Concello da Coruña deu este xoves un paso adiante no seu apoio ao emprendemento coa aprobación inicial da nova ordenanza que rexerá os Centros Municipais de Empresas (CME) situados en Agrela e o Papagaio. A normativa foi avalada no pleno municipal celebrado no Palacio de María Pita e busca reforzar os servizos para empresas en fase de incubación e consolidación.
A concelleira de Emprego, Comercio e Mercados, Diana Cabanas, explicou que esta medida “simplificará a normativa actual e facilitará o acceso e permanencia das empresas, ofrecendo máis ferramentas para que os emprendedores poidan crecer na cidade”.
Entre as principais novidades destaca a ampliación de dous a catro anos do tempo máximo para considerar unha empresa como nova, así como o aumento a catro anos da permanencia nos CME nas súas modalidades de incubación e consolidación. Ademais, eliminaranse trabas administrativas, como a intervención de entidades externas nas valoracións de proxectos, co obxectivo de axilizar os trámites. “Queremos que cada emprendedor poida centrarse no desenvolvemento do seu negocio, sen que os procesos burocráticos sexan unha carga”, destacou Cabanas.
Agora ábrese un período de exposición pública para recoller as suxestións e reclamacións das persoas interesadas, antes de que o texto volva ao pleno para a súa aprobación definitiva e entrada en vigor.
Homenaxe ás vítimas de violencia de xénero
A sesión plenaria tamén tivo un momento de lembranza para as vítimas de violencia de xénero, con catro minutos de silencio. Durante 2024 contabilizáronse 47 vítimas en todo o país, incluídas catro mulleres asasinadas en decembro en Mallorca, Cartaxena, Lugo e Madrid.