A Coruña impulsa un novo servizo de canguraxe a domicilio con atención específica para vítimas de violencia de xénero
O Concello da Coruña puxo en marcha a licitación dun novo servizo de canguraxe municipal na modalidade de atención a domicilio, cun orzamento de 184.966 euros. Este servizo, parte do abano de políticas de conciliación impulsadas polo Goberno local, está destinado a facilitar que nais, pais e titores de menores de entre catro meses e 12 anos poidan conciliar a súa vida laboral, familiar e persoal en situacións puntuais. Trátase dunha resposta personalizada e flexible para atender ás familias que precisan apoio de forma excepcional.
O novo servizo inclúe tres modalidades principais, entre as que destaca a atención a domicilio. Este servizo, dispoñible de luns a venres, entre as 7:00 e as 23:00 horas, ofrece tarefas básicas como o coidado da hixiene e alimentación das crianzas, a supervisión durante a súa enfermidade e o acompañamento nas súas actividades de lecer. Ademais, contempla a posibilidade de trasladar e acompañar aos menores fóra do fogar, cun máximo de 40 horas anuais para cada familia.
Un dos aspectos máis relevantes desta iniciativa é a súa modalidade específica para atender a nais vítimas de violencia de xénero. Segundo destacou a alcaldesa, Inés Rey, este servizo está pensado para apoiar a estas mulleres e as súas crianzas, integrando medidas que contribúan ao empoderamento feminino e á súa recuperación persoal e profesional. “É unha ferramenta fundamental para que poidan dispoñer de tempo para formarse e xestionar aspectos que lles permitan reconstruír unha vida autónoma e plena”, sinalou Rey, remarcando o compromiso do Concello coa loita contra a violencia machista e a protección das vítimas.
O programa inclúe un cadro de persoal especializado composto por oito profesionais formados no coidado infantil, e a empresa adxudicataria deberá garantir a calidade do servizo en todos os aspectos, desde o apoio emocional ata a seguridade e benestar dos menores.
No pasado ano 2023, o servizo de canguraxe municipal da Coruña prestou máis de 43.000 horas de atención, distribuídas entre as tres modalidades dispoñibles: espazos de atención á infancia, servizo de canguraxe a domicilio e ludotecas coeducativas. Máis de 480 nenas e nenos, pertencentes a 344 familias, fixeron uso dos espazos de atención á infancia, mentres que outros 185 menores, de 134 familias, participaron nas actividades das ludotecas. Pola súa banda, o servizo a domicilio atendeu 247 nenas e nenos de 181 familias, destacando como unha das opcións máis solicitadas polos coruñeses.
Con este novo contrato, que amplía os recursos e a accesibilidade do programa, o Concello da Coruña reforza o seu compromiso coa igualdade e coa conciliación, apoiando ás familias que máis o precisan e asegurando que todas as nenas e nenos reciban os coidados necesarios en contornas seguras e estimulantes.