A Coruña impulsa un novo espazo público verde na confluencia das rúas Cerca e Antonio Ríos
A alcaldesa, Inés Rey, presidiu este xoves a sesión ordinaria do pleno municipal, que aprobou a modificación do anexo de investimentos previsto este ano co obxectivo de licitar proximamente as obras de urbanización do soar existente entre as rúas Cerca e Antonio Ríos, no barrio do Castrillón.
O proxecto para a remodelación deste enclave, aprobado definitivamente en Xunta de Goberno Local a finais de 2022, estima tanto a posibilidade de edificar no polígono —concretamente, en tres parcelas situadas ao oeste da superficie que ocupa o soar— como a creación de novos espazos públicos no sector leste do mesmo, onde está previsto crear unha nova praza rodeada de áreas axardinadas e arboredo, con áreas de lecer para a veciñanza.
Neste sentido, o Concello ten previsto levar a cabo un investimento de case 250.000 euros para acometer esta intervención. O concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, e voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, apuntou hoxe que “esta cantidade financiarase con cargo ás cotas de urbanización que lles corresponden aos propietarios das parcelas”, e, a maiores, “o Concello asume a urbanización das beirarrúas perimetrais, necesarias para completar as obras en condicións”.
Lage indicou que a intención é “poder licitar de xeito inmediato a urbanización do polígono”, e lembrou que esta superficie, de carácter privado, “é a día de hoxe un espazo deteriorado onde só hai maleza, polo que precisa dunha actuación urxente para a súa dignificación”. O voceiro do Goberno municipal incidiu en que a situación deste soar “non é un problema novo” e que, “tras máis dunha década de desleixo, o Goberno de Inés Rey toma medidas para resolvelo, co obxectivo de entregarlle ás veciñas e veciños un novo espazo público de calidade”.
Unhas novas escaleiras para conectar as rúas Cerca e Antonio Ríos
A urbanización do soar entre as rúas Cerca e Antonio Ríos suporá a transformación integral dunha superficie que, pola súa pendente e a propia configuración urbanística do barrio do Castrillón, implicará melloras en termos de accesibilidade.
Entre as medidas previstas está a construción dun percorrido de escaleiras entre as parcelas edificables e a nova praza. Ademais, o plan de urbanización da localización tamén inclúe a creación dun novo treito de beirarrúa arredor do soar, que permitirá conectar os percorridos peonís xa existentes nas rúas Cerca e Antonio Ríos, salvando así os obstáculos actuais.
Cómpre lembrar, ademais, que a remodelación do soar permitirá ampliar o espazo de estacionamento en liña que xa hai na rúa da Cerca e no sector de Antonio Ríos lindeiro ás parcelas afectadas.
As obras de urbanización deste ámbito contemplan, ademais, o aproveitamento dun pequeno espazo público que hai no cruzamento entre Antonio Ríos e a Cerca, que permitirá crear un novo percorrido peonil entre a nova praza que se creará no soar e unha pequena área de lecer
Entre ambas as dúas prazas habilitarase un novo paso peonil, que contribuirá a pacificar o tráfico no carril de circulación que baixa desde a rúa Cerca en dirección a Antonio Ríos.